Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación amosa a súa satisfacción pola concesión do Plan Urban para a cidade de Lugo

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro felicita ó Alcalde por ser o artífice deste importante logro para a capital da provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, amosou a súa satisfacción pola concesión do Plan Urban para a cidade de Lugo que permitirá un investimento de 16 millóns de euros na reactivación do casco histórico. Gómez Besteiro felicitou ó Alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco, “por ser o artífice deste importante éxito para a capital da provincia. O Alcalde foi o que loitou por que ó fin se fixese xustiza con Lugo. É unha das tantas iniciativas de longo percorrido que fixo o rexedor no seu día, e que agora están a dar o seu froito”. A Deputación de Lugo súmase a este proxecto aportando 3 millóns de euros. Do resto do investimento, 8 millóns de euros procederán da Unión Europea; 3,4 do Concello de Lugo e 1 da Consellería de Economía. José Ramón Gómez Besteiro dixo que a participación nesta iniciativa demostra que a Deputacion está co Concello de Lugo. “A cidade non debe pensar nunca máis que a institución provincial lle dá as costas. O Concello debe saber que a nova Deputación apoirá calquer esforzo en favor dos veciños da capital da provincia”. O Plan Urban persegue a reactivación do centro da cidade e a revitalización da súa actividade económica, especialmente o comercio. O proxecto inclúe a reordenación urbanística da rúa San Marcos e a recuperación do vello cárcere como centro cultural polivalente.