Deputación de Lugo

35 persoas participarán no obradoiro de emprego “Servizos á Comunidade II” impulsado pola Deputación e a Xunta
de Galicia

Imaxe deputación de lugo
98 persoas presentáronse ás probas de selección realizadas no INLUDES

O INLUDES, organismo dependente da Deputación de Lugo, acolleu este mércores as probas de selección de alumnos que participarán no obradoiro de emprego “Servizos á Comunidade II” orientado á atención a domicilio. 98 persoas presentáronse a estas probas de acceso consitentes nun exame tipo test que determinará o perfil requerido para participar neste obradoiro que se porá en marcha a finais de decembro. Trátase do segundo proxecto solicitado polo INLUDES orientado á formación de auxiliares de axuda a domicilio. Ten un ano de duración e consta dunha parte teórica e outra práctica. Deste xeito, os 35 participantes seleccionados poderán aplicar os coñecementos adquiridos na residencia de anciáns de San Roque, no centro asistencial de San Vicente de Paúl, así como no psiquiátrico de Castro Riberas de Lea. No proceso de selección priorizouse aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral, tales como inmigrantes, desempregados, persoas que superen os 45 anos ou mulleres desempregadas. O proxecto, financiado pola Consellería de Traballo, contempla ademais, a contratación dun administrativo e a de tres mestres das especialidades de Traballo Social, Educación Social e Enfermería.