Representantes da Asociación de escritores en lingua galega foron recibidos na Deputación

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao e o responsable da área de cultura, Antonio Veiga recibiron hoxe aos representantes da Asociación de Escritores en Lingua en Galega. O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, acompañado dos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo presentáronlles aos responsables do goberno da Deputación os proxectos nos que está a traballar a AELG. Os representantes da AELG destacaron o traballo desenvolto por esta entidade en defensa da cultura galega e do noso idioma. O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, comentou o importante éxito que están a acadar as actividades programadas polo colectivo de escritores. Entre estas actividades son de destacar as relacionadas coa creación literaria, tanto oral, como escrita. Esta xuntanza foi unha primeira toma de contacto que nun futuro próximo se materializará na colaboración entre ámbas entidades. Por parte da Deputación o responsable de cultura, Antonio Veiga sinalou que compre que o movemento asociativo que está a defender a nosa cultura atope o respaldo institucional e económico que ata o de agora non atopaban na Deputación de Lugo.