Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia ó Plan Urban do Concello de Lugo con 3 millóns de euros

O organismo provincial fará unha auditoría en todos os Concellos para coñecer a situación dos seus sistemas informáticos

A Xunta de Goberno aprobou este venres o protocolo de colaboración entre o Concello de Lugo e a Deputación, polo que a institución provincial se compromete a destinar tres millóns de euros ó Plan Urban solicitado polo ente local. A institución provincial plasma deste xeito o seu interese por este proxecto, destinado á recuperación do casco histórico de Lugo. O voceiro do PSOE, Antonio Gato Soengas, avanzou que nos presupostos deste ano “xa figurará unha partida para facer fronte ó compromiso de financiamento” á espera da decisión que tome o Ministerio de Economía e Facenda. Gato Soengas anunciou que a vindeira semana o protocolo de colaboración será asinado polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco. O presuposto global do proxecto é de 16.244.000 euros, dos que 9.271.000 procederían de fondos FEDER, catro millóns do Concello e o resto da Deputación. Sistemas informáticos O goberno provincial tamén acordou a contratación dunha auditoría para avaliar a situación dos sistemas informáticos de todos os Concellos da provincia, agás o da capital. O voceiro socialista dixo que “existen diferenzas substanciais na capacidade de investimento e de desenvolvemento destes sistemas nos diferentes municipios. É necesario coñecer cal é a situación en cada un deles para tomar decisións e acometer a súa modernización”. Gago Soengas afirmou que se pretende “mellorar a intercomunicación entre os Concellos e a Deputación, así como a propia organización diaria dos entes locais e os servizos que se presta á cidadanía”. O presuposto para a elaboración do estudo é de 23.000 euros. Por outra banda, cualificou de “demoledora” a auditoría que realizou a Universidade de Santiago sobre a situación do sistema informático nas depedencias da Deputación e que “revela una situación caótica que hai que resolver o máis urxentemente posible”. Convenio para o campus Na orde do día de hoxe estaba incluída a ratificación de dous convenios de colaboración. O primeiro prevé o acondicionamento do edificio da “Granxa”, do que é propietario a Deputación, co obxectivo de destinalo a sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento (IBADER). O organismo provincial, a través do INLUDES, colabora coa Universidade de Santiago de Compostela e as Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, para o acondicionamento deste inmoble, ubicado no campus lucense. O presuposto total é de 546.000 euros, dos que o organismo provincial aporta 136.000. Ademais, a Deputación cede á USC o uso gratuíto do inmoble. O voceiro do PSOE dixo que con este tipo de iniciativas a Deputación aposta pola “promoción e o desenvolvemento científico e tecnolóxico mediante a mellora das infraestruturas de apoio á investigación no campus lucense, como medio para conseguir o desenvolvemento social e económico da provincia”. O segundo convenio persegue a formación de bolseiros da Fundación para o Desenvolvemento das Tecnologías da Información e Comunicación (TIC) a través da retransmisión dos partidos do Clube Deportivo Lugo da tempada 2007-08. Por último, a Xunta de Goberno aprobou as obras de pavimentación con aglomerado en quente dos accesos ó núcleos da parroquia de Penamaior, no Concello de Becerreá por un importe de 469.000 euros