Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación ofrece máis de 650 novas prazas de Teleasistencia gratuítas

- O Presidente e o Vicepresidente avanzaron, nun encontro cunha veciña de 80 anos usuaria do servizo, que mañá se abre o prazo de solicitude. Máis información en www.deputacionlugo.gal, onde se atopan os modelos de inscrición, ou en 982-260-138 - As prazas son gratis para os usuarios, pois a Deputación financia todos os custos con 300.000 euros, e están dirixidas a maiores ou persoas con limitacións de autonomía - Pola contra, o servizo de Teleasistencia da Xunta obriga ao copago e limita as prazas a persoas catalogadas como dependentes. “Son dúas claras diferenzas co noso servizo”

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, avanzou este luns que o Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe a nova ordenanza do servizo de Teleasistencia da Deputación. Campos Conde explicou que isto permite abrir mañá o prazo de solicitude de máis de 650 novas prazas totalmente gratuítas, pois o Goberno Provincial decidiu asumir todos os custos desta prestación con 300.000 euros. Os interesados poden descargar o modelo de solicitude en www.deputacionlugo.gal. Máis información na web ou en 982-260-138.

Campos e Santos mantiveron hoxe un encontro cunha veciña de 80 anos que é usuaria do servizo de Teleasistencia da Deputación. Fixérono no domicilio da mesma na capital luguesa, onde comprobaron o funcionamento desta prestación cun simulacro. 

Gratis e para todos
O titular provincial destacou que a gratuidade da Teleasistencia da Deputación para os seus usuarios, así como o feito de que é unha prestación pública dirixida a todos os maiores ou persoas que sufran algún tipo de limitación en canto a súa autonomía, “son as dúas claras diferenzas coa Teleasistencia da Xunta, pois o Goberno galego obriga ao seu copago, ao tempo que limita esta prestación a persoas catalogadas como dependentes, deixando fóra a moitas persoas, que necesitan este servizo”.
 
Máis social e profesional
O Goberno da Deputación introduciu melloras na ordenanza de Teleasistencia, ademais da súa gratuidade, facendo “un servizo máis social e profesional”. O Presidente explicou que “é un servizo máis social” porque por primeira vez se incluíron baremos psicosociais e psicosanitarios para a súa concesión. Por exemplo, terase en conta o grao de soidade, a capacidade na toma de decisións ou situación familiar dos demandantes. Tamén puntuará o ámbito ou condicións da vivenda, primando aos que vivan no rural, lonxe de núcleos poboacionais ou en zonas de difícil acceso. Outros dos criterios serán a idade, os ingresos, apoios familiares, saúde ou grao de discapacidade.

“É un servizo máis profesional e humano” porque serán os propios traballadores sociais os encargados de valorar a necesidade das prazas para os demandantes. “A concesión non será un mero trámite administrativo. Serán os profesionais os que valoren in situ, en encontros cos solicitantes, a súa situación sanitaria, social ou familiar para comprobar a súa situación real e determinar a necesitade dunha praza”, remarcou.

Preto de 1.600 prazas
Con máis de 650 novas prazas que se poñen agora en marcha, son un total de 1.550 as prazas gratis de Teleasistencia que ofrece a Deputación na provincia. Na actualidade, hai 895 lucenses de Concellos de toda a provincia que contan con este servizo provincial.