Deputación de Lugo

A construción de bandexas de cul de queixal, celta e zarzo asturiano, modalidade do novo curso
de cestería

Imaxe deputación de lugo
O obradoiro, que se desenvolvera esta fin de semana, será impartido polo artesán Carlos Fontales

Esta fin de semana dará comezo no Centro de Cestería do río Rato o sexto curso da programación de cestería do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Durante os días 17 e 18 de maio, os asistentes, ademais de aprender a indentificar os materiais, construirán bandexas de cul de queixal redondas e ovaladas, celtas e zarzo asturiano empregando como material o vimbio. Trátase de tres pezas que procedencia moi diferente. Deste xeito, a bandexa de cul de queixal provén de Cataluña e caracterízase por ser un exemplar baseado nun deseño actual. No caso do zarzo asturiano, antigamente empregábase para o secado dos queixos. Dispón dun deseño máis tradicional e unha estrutura que a converte nun utensilio de fácil adaptación a distintos tipos de mesas. Asimesmo, os asistentes terán a oportunidade de aprender a construír unha bandexa celta, da que non existe constancia nin documentación da súa elaboración en España. De orixe polaca, conta cun deseño baseado nos debuxos celtas, característica que lle dá o nome. O curso, que consta de 16 horas, será impartido polo artesán Carlos Fontales de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Consta de 8 prazas e está dirixido a cesteiros, artesáns e ó público en xeral. Obradoiros portátiles Paralelamente ós cursos de cestería, continúan por toda a provincia os obradoiros portátiles de tapiz, cestería e instrumentos musicais organizados polo CENTRAD. Os escolares de Primaria e Secundaria da provincia están a ser os destinatarios desta actividade. Deste xeito, os alumnos do CEIP As Mercedes de Lugo están a descubrir durante estes días as principais técnicas de cestería a través de dous obradoiros que rematarán mañá venres. Asimesmo, os alumnos do colexio de Educación Especial Santa María teñen a oportunidade de aprender cal é o proceso para a elaboración de instrumentos musicais ata mañá xoves. No CEIP do Corgo hoxe finaliza o obradoiro de tapiz, inciado este luns. O obxectivo destes obradoiros é recuperar os oficios artesanais desde a etapa escolar dándolles ós rapaces a oportunidade de aprender e coñecer oficios de grande tradición na provincia. 35 colexios son os destinatarios destes cursos organizados polo Centro de Artesanía e Deseño. A vindeira semana, desde o luns día 19 ata o mércores 21, o Colexio de Infantil e Primaria de Xermade acollerá un obradoiro de tapiz, mentres que no CEIP Virxe da Soidade de Lugo ata o xoves 22 a cestería centrará a atención dos alumnos. No caso da modalidade de instrumentos musicais, os destinatarios serán os escolares do CPR Cervantes de Lugo. Este obradoiro impartirase desde o luns ata o mércores 21 de maio.