Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo e a Consellería da Presidencia cofinanciarán o 100% da nova rede provincial de parques de bombeiros

Deputación e Xunta de Galicia investirán 9 millóns de euros na creación de 5 parques.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeo, acadaron hoxe un principio de acordo para a creación dunha Rede Profesional de Parques de bombeiros baixo a dirección dun Consorcio Provincial que se constituirá nas vindeiras semanas. O máximo responsable da Deputación dixo que “este é un día histórico para a provincia porque partimos de cero, dunha situación na que non había ningún parque de bomberios, e iso e bo que se saiba”. O Conselleiro da Presidencia subliñou, pola súa banda, que “houbo un cambio de rumbo absoluto con respecto á situación anterior, o que permitirá a creación dun servizo fundamental para os habitantes desta provincia”. José Ramón Gómez Besteiro e José Luis Méndez Romeo fixeron este anunciou durante a primeira visita oficial que realizou o máximo responsable da Consellería da Presidencia á Deputación de Lugo desde a toma de posesión do novo equipo de goberno. O Presidente provincial lembrou que xa recibiu unha chamada do Conselleiro durante a súa primeira semana no cargo para falar sobre este tema “o que demostra que o interese sobre a rede provincial de bombeiros é recíproco” Os dous responsables avanzaron que a Deputación e a Xunta de Galicia investirán 9 millóns de euros nos vindeiros anos, e que cada administración aportará o 50% do financiamento total da nova rede provincial de parques de bombeiros. “Esto supón que os Concellos non terán que aportar nin un só euro, e que a Deputación asumirá a parte que inicialmente estaba previsto que aboasen as entidades locais”, dixo o Presidente Provincial, quen fixo un chamamento “á lealdade e a corresponsablidade dos Alcaldes e Alcaldesas, xa que esta rede supón un apoio directo ós Concellos”. José Ramón Gómez Besteiro afirmou que “é unha cuestión de prestixio que se poida garantir os servizos públicos á cidadanía, e ademais é unha prioridade política fixar esa rede de parques para atender ós veciños da provincia cando aconteza calquera continxencia”. 5 parques de bombeiros Os máximos responsables da Deputación e a Consellería da Presidencia anunciaron que se crearán cinco parques de bombeiros. Todos comezarán a construírse en 2008 e entrarán en funcionamento en 2009. O de Barreiros, que xa está construído, poñerase en marcha o ano que vén. “O obxectivo é que se garanta á maior parte da poboación desta provincia un tempo de resposta ante calquera tipo de incidencia, como incendios, accidentes de tráfico ou asolagamento, cumprindo os estándares establecidos para estes casos pola Unión Europea”, dixo Méndez Romeu. Tanto o Presidente da Deputación como o Conselleiro dixeron que se dará un tratamento especial á zona da montaña pola orografía destes Concellos. “Ofreceranse respostas singulares a zonas especiíficas”, dixo o mandatario autonómico, quen sinalou que este tempo de resposta “deberá estar por debaixo dos 20 minutos, agás nalgunha zona en que será por debaixo dos 30 minutos”. Gómez Besteiro e Méndez Romeu afirmaron que nas vindeiras semanas concretarase definitivamente a ubicación destes parques. Visita Oficial O Conselleiro da Presidencia foi recibido oficialmente no Pazo de San Marcos esta mañá polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e polo Vicepresidente Primeiro, Antón Bao. A continuación foi presentado ós Voceiros dos tres grupos provinciais e asinou no Libro de Ouro da Deputación. José Luis Méndez Romeu recibiu como agasallos unha bufanda de seda e unha lámpada elaboradas polo Centro de Artesanía e Deseño. Enérxica repulsa O Presidente da Deputación, en nome de toda a Coporación Provincial e do Conselleiro da Presidencia, amosou “a máis enérxica repulsa polo atentado que o pasado sábado custou a vida ó garda civil Raul Centeno Pallón, e deixou en coma cerebral ó seu compañeiro Fernando Trapero Blázquez”. Gómez Besteiro expresou “a nosa solidariedade e apoio ós familiares e amigos destes dous gardas civís, así como ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”. José Ramón Gómez Besteiro e José Luis Méndez Roumeu participaron a continuación na concentración convocada polo Concello de Lugo diante da Casa Consistorial