Deputación de Lugo

O CENTRAD desembarca na Grande Noite Galega de Barcelona cunha selección de pezas
de cestería

Imaxe deputación de lugo
O Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, participa nesta celebración que se desenvolve na capital catalana desde o ano 1982

Un total de 25 pezas pertencentes a unha colección de cestería representa ó Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación de Lugo, na vixésimo sexta edición da Grande Noite de Galicia que se celebra este venres en Barcelona. Trátase dunha colección do CENTRAD que contén pezas de toda Galicia elaboradas con xuncos, baras, madeira e técnica mixta. Neste día, no que os cataláns exaltan a gastronomía, a cultura e o turismo de Galicia, tamén se repartirán dípticos informativos sobre a actividade do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo. O Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, participa nesta celebración que supón un xesto de irmanamento entre galegos e cataláns. A Grande Noite de Galicia desenvólvese na capital catalana desde o ano 1982. Cada edición congrega a numerosos galegos residentes en Cataluña, así como a destacadas personalidades de ámbalas dúas comunidades. Como cada ano, ademais de celebrar a festa máis representativa de Lugo, o San Froilán, farase entrega de diversos galardóns, como a “Insignia Percebe de Ouro” en recoñecemento a quenes contribuiron ó éxito da “Grande Noite de Galicia en Barcelona”, así como dos trofeos “Gran Percebe de Prata” e “Percebe de Ouro” para premiar a institución ou a persoa que máis se distinguise na promoción de Galicia tanto en España coma no extranxeiro.