Deputación de Lugo

Éxito de público na presentación oficial do Programa de Visitas Institucionais Km0

O Presidente da Deputación dixo que este programa reivindica o papel da Deputación e faina visible

Numeroso público asistiu este xoves á presentación oficial do programa de visitas institucionais “Km0.Deputación de Lugo” que correu a cargo do Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro. Representantes da sociedade luguesa, do empresariado e da hostalería así como do mundo asociativo da provincia acudiron ás oito do serán ó Salón de Actos do Pazo de San Marcos para coñecer esta ambiciosa iniciativa, pioneira en España. Gómez Besteiro afirmou que este programa “reivindica o papel da Deputación e faina visible a través destas visitas institucionais”. Km0 está integramente organizado por esta institución e “sen ningún custe para os participantes, xa que nós e os nosos patrocinadores farémonos cargo dos desprazamentos, xantar, degustacións de produtos típicos, entradas e seguros correspondentes”. Esta iniciativa ten tres obxectivos claros. Por unha banda, “abrir de par en par as portas da Deputación ós veciños de toda a provincia; que por fin se sintan na súa propia casa”, segundo apuntou Gómez Besteiro. “Queremos explicar para que serve esta institución, que saiban no que traballamos; onde investimos os fondos; os proxectos que temos de cara ó futuro”. O orgullo de ser lucense O segundo obxectivo é “reivindicar o orgullo de ser lucense, xa que valoramos o que coñecemos”. José Ramón Gómez Besteiro puxo varios exemplos anecdóticos que fan desta unha provincia singular. “Cantos de vostedes sabían que o Miño ten illas, pero de 5 quilómetros cadrados, e pozos naturais cunha profundidade superior ós 50 metros nas terras de Begonte, como o Pozo do Ollo; que en Monterroso temos a maior plantación de frambuesas de Europa que exportamos a todo o mundo ou que en Vivero hai un eucalipto que para abrazalo necesitamos 8 persoas? Con Km0 ímolos visitar”. O presidente da Deputación tamén apuntou outras curiosidades: que o maior seguidor solar de Europa está en Vilalba, que en Morás houbo unha das factorías de baleas máis importante do Cantábrico ou que no Courel aínda existen plantas carnívoras. Incentivar a economía da provincia Por último, este novidoso programa pretende “incentivar a economía provincial a través do medio ambiente e do comercio, dos sectores produtivos que nos identifican. Este programa promocionará a provincia, fomentará o comercio interior, as compras e as viaxes durante a semana. Estas visitas están destinadas a todos os colectivos. Os grupos que fagan a súa reserva poderán realizar unha vista ó Pazo provincial, máis outra a un organismo autónomo da Deputación (O Centro de Artesanía, a Fundación TIC, o INLUDES etc.), máis unha vista de entre 88 rutas. “Segundo as nosas previsións, poden participar ó ano directamente preto de 6.000 persoas de todo tipo de colectivos da provincia. Estamos seguros de que estes participantes serán os mellores embaixadores da provincia e que a repercusión social será moito maior. Comezaremos as visitas en setembro deste ano e, nesta primeira etapa, finalizarán en xullo do 2009”. Cómo inscribirse Para formalizar a inscrición é preciso cubrir unha instancia que se cursará alomenos con 15 días de antelación á data prevista para a visita, a través de fax, da web específica do programa www.km0.deputacionlugo.org que estamos ultimando ou do correo ordinario. A inscrición vai dirixida ó Servizo de Protocolo da Deputación. Para calquera dúbida, poden chamar ó teléfono: 982 26 00 75. O acto de presentación oficial de “Km0. Deputación de Lugo” rematou cunha performance e un cóctel nos xardíns da Deputación. Máis información na páxima web