Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo adhírese á Fundación Galicia Europa co obxectivo de promover e promocionar os Concellos da provincia na UE

A Xunta de Goberno aprobará este venres a incorporación da Deputación á FGE, a través da cal o ente provincial achegará 27.000 euros que se contemplarán no Orzamento de 2009

A Deputación de Lugo adherirase como socia á Fundación Galicia Europa. A Xunta de Goberno da Deputación aprobará este venres a incorporación a dito organismo, a través da cal a institución provincial fará unha aportación de 27.000 euros, cantidade que se incrementará cada ano nun 2% e que estará contemplada no Orzamento do vindeiro ano. Así o anunciou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, logo de que mantivese unha xuntanza no seu Despacho co Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Presidencia da Xunta de Galicia e Director da Fundación Galicia-Europa, Julio Fernández Mato. Gómez Besteiro destacou a importancia que tivo o acto de hoxe, xa que dá continuidade á política iniciada no pasado mes de xullo de “restablecer pontes e volver a falar con administracións e institucións coas que non existía relación”. Neste senso, o máximo mandatario provincial subraiou que coa adhesión da Deputación á FGE sáldase unha débeda que o ente provincial tiña pendente con esta Fundación e coa Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia. “A Deputación vai tocar moitas portas e a falar fóra de Galicia. Precisamente, nestes momentos estamos cunha delegación do Concello de Lugo en China. Tíñamos unha débeda pendente e agora soldamos unha relación coa Fundación”. O titular do ente provincial explicou que dita adhesión vén propiciada polo interés do Presidente da Xunta en que a Deputación se sume como socia ó igual que xa son o resto das institucións provinciais. “Nós queremos compartir eses foros donde están o resto das Deputacións e a propia Presidencia da Xunta de Galicia. A idea de unir Lugo-Galicia-Europa está presente nesta xuntanza e nos proxectos que faremos a partir de agora”. Gómez Besteiro quixo agradecer ás administracións, entre elas o Ministerio de Administracións Públicas, a participación intensa no reparto de fondos europeos que trouxeron para Lugo a consecución dos proxectos Innova-TE, Lugo Pacto Provincial polo Emprego, Lugo O2, e o Plan Urban. Para o Presidente provincial esta concesión é froito “dunha política de crer na UE e na intención de promover a imaxe exterior de Lugo e da provincia no mundo. Esta é a nosa finalidade e por iso nos unimos á Fundación Galicia-Europa”. Pola súa banda, o Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Julio Fernández Mato, amosou a súa satisfacción pola incorporación da Deputación de Lugo ó organismo que dirixe e da que forman parte o Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixanova, as Cámaras de Comercio, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e as outras tres Deputacións galegas. “Temos a satisfacción de incorporar a de Lugo por dous motivos: polo futuro que temos presente de colaboración no eido europeo e, por outra parte, por completar esta colaboración institucional”. Neste senso, Mato engadiu que o Presidente provincial “será un interlocutor privilexiado na función de voceiro dos pequenos Concellos que teñen menos posibilidades de participar nos proxectos europeos”. Fernández Mato engadiu que a Fundación Galicia Europa creará un Centro de Negocios en Bruxelas que quedará a disposición da Deputación de Lugo como nova socia. O Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Xunta aproveitou a ocasión para convidar a Gómez Besteiro ó foro hispanoxaponés que se celebrará proximamente en Santiago de Compostela. Recepción Oficial O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu ó Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Presidencia da Xunta de Galicia e Director da Fundación Galicia Europa, Julio Fernández Mato, na zona de descanso do primeiro andar do Pazo de San Marcos. A continuación, Gómez Besteiro e Fernández Mato mantiveron unha xuntanza privada no Despacho do Presidente. Como lembranza da visita ó organismo provincial, o Presidente entregoulle ó Director da FGE a triloxía “Pazos y Señoríos en la provincia de Lugo” e unha reproducción en miniatura da zanfona, instrumento medieval elaborado polos artesáns do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Fundación Galicia-Europa A Fundación Galicia Europa (FGE) colabora con todas aquelas entidades galegas que participan na realización de proxectos no marco de programas de axuda europeos. A colaboración prestada supón un apoio importante para o lanzamento de novas iniciativas e proxectos de interese para Galicia no marco europeo, ademais de contribuír a preparar á sociedade galega para competir polos fondos comunitarios con rexións máis desenvolvidas da UE. Trátase dunha Fundación sen ánimo de lucro, creada con fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa, tendo como obxectivos principais facer de Galicia unha rexión forte no continente, fomentar a participación galega en proxectos europeos, impulsar a influencia dos sectores produtivos galegos na UE e informar e formar á sociedade galega e ás entidades que desexen participar en proxectos europeos. A FGE creouse no ano 1988. Integrada por diversas entidades públicas e privadas, está vinculada funcionalmente á Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia e está aberta á colaboración con outras entidades que persigan os mesmos fins. Coa adhesión da Deputación de Lugo, as catro institucións provinciais galegas figuran como socios desta Fundación.