Deputación de Lugo

A retirada forzosa das árbores da fachada principal do Pazo provincial dará paso a unha praza para o
disfrute dos lugueses

O Deputado de Urbanismo sinalou que este é o paso previo para a remodelación dun espazo ó que, por primeira vez, poderán acceder os cidadáns

Os traballos de tala dos tres cedros xapónicos ubicados na lonxa frontal do Pazo de San Marcos deron comezo este luns, tal e como estaba previsto. A retirada forzosa das árbores dará paso a unha praza para o disfrute dos lugueses e das luguesas. Así o asegurou o Deputado de Urbanismo, Miguel Ángel Sotuela, quen subliñou que “o derribo das especies arbóreas débese a razóns de seguridade e a unha cuestión de estética, xa que están degradando a imaxe do Pazo de San Marcos”. Na lonxa frontal consérvanse tres dos catro cedros que ata o de agora existían no recinto. Un temporal de fortes ventos ocasionou o desplome dun deles sobre a fachada do Pazo. Con este feito comprobouse que as árbores posuían un sistema radicular non equilibrado coa súa parte aérea que pode producir de novo a caída de calquera das árbores co conseguinte risco para viandantes, traballadores e vehículos que transitan pola rúa San Marcos. A tala dos cedros xapónicos coincide co proxecto de reordenación da praza, que busca recuperar a imaxe que tiña este espazo nos anos 50, facilitando o acceso á mesma de todos os lugueses e as luguesas, xa que ata o de agora, este espazo non foi potenciado e apenas utilizado polos cidadáns, percibíndose como unha área exclusiva da Deputación. Neste senso, Sotuela indicou que “o obxectivo da actuación é reestruturar a Praza para que sexa usada polos lugueses e as luguesas, xa que as árbores non foron plantadas cun fin claro, quizais por algún motivo navideño, pero nada máis”. Os traballos contan cun prazo de execución dunha semana e un orzamento de 6.500 euros. O Deputado de Urbanismo explicou que “nun primeiro momento vaise facer unha poda xeralizada dos cedros para logo cortar o tronco, polo que o proceso é relativamente lento para garantir a seguridade”. O plan de actuación non inclúe a eliminación das zonas verdes Deste xeito, está previsto que, ademais de acondicionar a fonte, se plante cépede e algún arbusto, que non afectará á visión entre a praza e ó edificio provincial. A madeira levarase a un vertedoiro controlado, excepto os troncos de maís de 5 metros, que serán aproveitados para facer algún moble para a Deputación. Os cedros xapónicos sobrepasan os 15 metros de altura e plantáronse en 1964. A Deputación puxo en marcha os traballos de tala logo de que se aprobase o plan de seguridade na Xunta de Goberno celebrada o pasado 25 de abril e de que o Concello de Lugo concedese o permiso de obra para poder levar a cabo a actuación. A Deputación de Lugo acondicionou os accesos coa sinalización axeitada, protexendo o contorno de actuación co vallado e a sinalización correspondente. O plan de seguridade contempla, ademais, todas as medidas de prevención e protección colectiva e persoal para garantir a seguridade tanto dos viandantes como dos traballadores. Durante os días que dure o proceso de tala variarase a entrada ó Pazo provincial. O acceso efectuarase pola porta máis próxima á Praza de Ferrol.