Deputación de Lugo

A busca de máis solo industrial capitaliza o primeiro encontro entre o Presidente da Deputación e o Alcalde de Castro de Rei

Gómez Besteiro tamén visitou oficialmente Mondoñedo e coñeceu persoalmente os problemas da Cova do Rei Cintolo, o Pazo de Bonaire

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitou oficialmente esta mañá os concellos de Castro de Rei e Mondoñedo, dentro da rolda de entrevistas que está a manter con todos os Alcaldes da provincia. A busca de máis solo industrial no municipio de Castro de Rei, ben a través da Xunta de Galicia ou da Sociedade Urbanística Provincial da Deputación, foi o tema central da reunión que mantivo Gómez Besteiro con Juan José Díaz Valiño. O actual polígono industrial, dependente de Xestur, é un dos que máis medrou da provincia de Lugo. Xa foron vendidas todas as parcelas, incluídas as da cuarta fase que se vai urbanizar. Tendo en conta o crecemento deste Concello, que na actualidade suma case seis mil veciños nos seus 176 quilómetros cadrados, Juan José Díaz Valiño reclamou axuda da Deputación para aproveitar a proxección do municipio. “O Alcalde ten unha visión que aposta claramente polo futuro. Castro de Rei está ben comunicado, no centro da provincia e próximo á capital, por tanto a aposta por máis solo industrial paréceme moi acertada. Buscan máis solo, ben ampliando o existente ou atopando unha zona que permita a incorporación de novas empresas. Hai que saber se é unha actuación prioritaria dentro das políticas da Xunta de Galicia e, senón a é, que a sociedade urbanística poda explorar a posibilidade de cooperar con Castro de Rei neste campo”, afirmou o Presidente despois da reunión. Á marxe deste asunto, outros temas plantexados por Juan José Valiño para colaborar coa Deputación foron: a necesidade dun novo depósito de auga, xa que o actual é insuficiente; a traída de auga para seis parroquias que carecen deste servizo; unha subvención da Deputación para construír unha praza ó carón da Casa da Cultura e no lugar do antigo campo de fútbol; e colaboración en materia de infraestruturas viarias. O Alcalde Castro de Rei agradeceu ó Presidente que visite todos os municipios, xa que “non sei se a Deputación é a nai ou a irmán maior dos concellos, pero teño claro que todos debemos ter cabida nesta institución. Agradezo que iniciaras a túa andaina con reunións con todos os Alcaldes”. No transcurso da visita, o Presidente coñeceu a boa parte da Corporación Municipal, asinou no Libro de Ouro e fíxolles entrega dun agasallo institucional. De novo apostou polas creacións do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación (CENTRAD). Nesta ocasión agasallou ó Alcalde cunha bufanda elaborada por artesáns da provincia “xa que é un regalo práctico agora que vén o frío”, dixo, e unha orixinal lámpara de papel. Besteiro aproveitou a ocasión para invitar ós presentes a visitar a exposición Avantcraft na Capela de Santa María de Lugo “onde poderedes ver pezas de deseño tan innovadoras como esta”, concluiu. Visita en Mondoñedo O Presidente da Deputación realizou a súa primeira visita institucional a Mondoñedo no día de inicio das festas da San Lucas e na véspera do día grande das mesmas. Neste municipio Gómez Besteiro desprazouse a tres puntos, ademais da Casa Consistorial. En primeiro lugar visitou o Hotel Mirador, propiedade da Deputación aínda que na actualidade un particular ten a súa concesión. O edificio quedou obsoleto e presenta numerosas deficiencias, aínda que a súa situación ofrece unhas panorámicas espectaculares. Os accesos tamén están en mal estado. Por todo iso, o Concello propuxo posibles usos como o hosteleiro ou un centro para persoas con discapacidade. En segundo lugar, o Presidente supervisou o mal estado do Pazo de Bonaire en Masma. O Bispado e a Deputación asinaran un convenio de cesión de uso hai máis de 20 anos. A deputación cedeu, á súa vez, este pazo a unha asociación de toxicómanos. Sen embargo, cando houbo un importante incendio no inmoble, quedou totalmente abandoado. Agora, que está piques de rematar a cesión, búscase unha nova utilidade. Por último, Besteiro desprazouse á zona da Cova do Rei Cintolo. A solicitude neste caso é que a Deputación renuncie ó proxecto que impulsou o anterior equipo de goberno para o interior da Cova. Aquel proxecto fora levado ós tribunais pola Federación Galega de Espeleoloxía por tratarse dunha explotación masiva da Cova. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decretou a súa suspensión cautelar e mesmo prohibiu a entrada á mesma. Polo tanto este é outro dos asuntos que se comprometeu a solucionar o Presidente da Deputación. Ó igual que destacara Díaz Valiño, o Alcalde de Mondoñedo subliñou tamén que “é un pracer ter aquí hoxe ó Presidente da Deputación nunha visita institucional. Esperemos que estas visitas se podan facer con máis frecuencia porque os concellos pequenos, como nós, necesitamos da axuda da Deputación para sacar adiante moitos proxectos”. Na Casa Consistorial o Presidente asinou tamén no Libro de Ouro e fíxolles entrega dun agasallo institucional do CENTRAD.