Deputación de Lugo

A Deputación destina 221.000 euros ós 19 Concellos que realizarán directamente os traballos de desbroce nas estradas provinciais

O Concellos que se suman a esta iniciativa, promovida por primeira vez pola institución provincial, terán un trato preferente

A Deputación destinará 221.000 euros ós 19 Concellos da provincia que este ano acometerán directamente o desbroce das vías provinciais, unha iniciativa que promove por primeira vez este organismo e que, segundo sinalou este xoves o Deputado da Área de Infraestruturas, Manuel Martínez, “entra dentro da filosofía de cooperación e colaboración cos Concellos promovida polo actual equipo de goberno”. Para os outros 46 municipios, a Deputación licitará os traballos, como viña facéndose ata o de agora. Neste caso o orzamento máximo de licitación é de 517.235 euros. Por tanto, a institución provincial destina 730.000 euros para a roza das estradas provinciais en 2008. Manuel Martínez lembrou que hai meses se comunicou a todos os Concellos da provincia a posibilidade de desbrozar directamente as vías que son de titularidade provincial. “Responderon 19, e esperamos que o ano que vén se sumen máis porque lles damos un trato preferente e un prazo de execución razoable. O obxetivo é que todas as estradas provinciais estean debrozadas o quince de xullo”, dixo Martínez. Os Concellos que se sumaron a esta iniciativa son: A Pontenova, Becerreá, Begonte, Castroverde, Chantada, Foz, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Ourol, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, Quiroga, Riotorto, Samos e Sarria. En total suman 1.243 quilómetros de vías de titularidade provincial. Os Alcaldes asinarán os respectivos convenios, logo de que sexan aprobados nunha vindeira Xunta de Goberno. Un trato preferente A Deputación pagará a cada Concello 177,66 euros por quilómetro. Segundo o responsable de Infraestructuras, é “un bo prezo porque o ano pasado o gasto da roza por quilómetro non chegou nin de lexos a esta cantidade, e tamén será superior ó das estradas que contrate directamente a Deputación”. Pola súa banda, os Concellos comprométense a ter rematados os traballos de desbroce o quince de xullo. “Esperamos que cumpran porque a maioría teñen medios propios para facelo, pero tamén lles permitimos a posibilidade de que saquen os traballos a concurso”. A Deptuación daralles total liberdade para que empreguen como mellor estimen os cartos “coa única condición de que os técnicos municipais e provinciais certifiquen que se realizaron as rozas no tempo establecido”. O resto dos Concellos Para o resto dos Concellos “a Deputación dividiu a provincia en 6 zonas, cun orzamento máximo de licitación 517.235 euros. “O tope será de dúas zonas por empresa. O obxectivo é contratar o maior número e que se cumpran os prazos. Esperamos obter mellores resultados que anos anteriores”. Neste senso, Martínez lembrou que “o ano pasado tivemos problemas porque había anarquía pura e dura. Non se sabía en que concellos estaban as máquinas desbrozando. Chegou o mes de agosto e boa parte dos traballos estaban sen facer”. O Deputado sinalou que é en verán cando debe estar todo rozado porque “é a época de maior afluencia de persoas de fóra e debemos dar unha boa imaxe e ter limpas as cunetas para evitar a propagación de lumes forestais”. Antes, a Deputación contrataba a unha soa empresa para atender toda a provincia, e dáballe de prazo ata o 31 de decembro.