Deputación de Lugo

O Vicepresdiente Primeiro inaugurou a exposición máis agardada
do 75 Aniversario do Museo de Lugo

The Living Museum: un legado sonoro fascinante trae a Lugo unha colección de instrumentos musicais dos séculos XVI ao XVIII

Tras varios retrasos foi inaugurada a mostra dos instrumentos que conforman a exposición The Living Museum: un legado sonoro fascinante. José Vázquez é profesor de viola da gamba da Universidade de Música de Viena e é o propietario da colección de instrumentos denominada The Living Museum que estará no museo de Lugo durante un mes.. Antón Bao destacou a chegada a Lugo, dende Austria, desta importante mostra que amosará unha colección de instrumentos musicais orixinais do século XVI ao XVIII. Bao definiu esta exposición como “un espazo musical no que os instrumentos expostos toman vida para que os visitantes poidan apreciar a súa fermosura estética e sonora”. O vicepresidente primeiro lembrou a grande tradición que na arte de luthería ten Galiza e o grande número de artesáns que no noso país se adícan á construcción de instrumentos musicais para os que, sen dúbida, esta colección terá un grande interese como documento histórico vivo que é. The Living Museum: un legado sonoro fascinante é un espazo musical concibido para a exhibición, interpretación e difusión da historia da música e dos seus instrumentos. A idea desenvolveuse a partir da colección de instrumentos musicais orixinais do século XVI ao XVII que ten a fundación Orpheon e que ten como principais características que todos os seus instrumentos poden ser utilizados para a interpretación. Esta exposición de grande calidade é unha aposta da área de Cultura, para achegar de xeito ameno e didáctico dúas artes diferentes que ao mesmo tempo están ligadas de xeito unívoco como son a artesanía (representada no bo facer nos instrumentos musicais) e a propia música que estes instrumentos xeran. UNHA LONGA VIAXE DENDE AUSTRIA Por fin chega a Lugo esta colección, na que se presenta unha selección de 80 instrumentos e arcos históricos. A colección saíu do Castelo de Kremsegg (Austria) e permaneceu retida varios días, nas proximidades da cidade francesa de Bordeaux, debido á folga de transportes que afecta Francia e España. Esto xerou entre os responsables da colección tiveran unha grande preocupación debido ao alto valor destes instrumentos que estiveron expostos a condicións de temperatura e humidade pouco axeitadas para a súa conservación durante un tempo superior ao previsto para o seu transporte.