Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación subraia a implicación dos veciños no Plan Xeral de Sarria

Gómez Besteiro inaugurou as II Xornadas Xurídicas do Concello sarriano

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres as II Xornadas Xurídicas do Concello de Sarria que se celebran na Casa da Cultura desde hoxe ata mañá sábado, 24 de maio. Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo Alcalde, Claudio Garrido, o Conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, e o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Antonio González Nieto, subraiou que: “aproveitando que as xornadas van sobre urbansimo, quero destacar que Sarria afronta a fase de avance do Plan Xeral e, ademais, faino axeitadamente, con moito contacto coa cidadanía implicándoa no seu desenvolvemento. Quero felicitar ó Concello pola publicidade e difusión do PXOM, sen dúbida deste xeito, está contribuíndo á madurez e á responsabilidade da cidadanía”. As principais novidades do sector inmobiliario e a lexislación urbanística centran o encontro que este ano chega á segunda edición. Neste senso, o máximo mandatario provincial sinalou que “dada a calidade dos ponentes, as xornadas converteranse nun referente non só na actividade do Concello senón tamén da provincia, xa que durante estes dous días Sarria convértese no punto de encontro de profesionais cunha gran experiencia no eido do urbanismo”. Gómez Besteiro tamén destacou o papel que desenvolve a Deputación de asesorar ós Concellos en materia de urbanismo. “O noso traballo debe ser mediar coas empresas e particulares para chegar a un consenso que permita que os nosos Concellos se adapten á lexislación urbanística vixente, xa que moitos dos municipios non dispoñen nin de persoal cualificado nin de medios técnicos axeitados para esa crucial faceta da vida municipal, que se dificulta aínda máis se temos en conta a conformación municipal e o modelo de ocupación do solo en Galicia. Neste senso, a Deputación de Lugo ofrece, por exemplo, distintos cursos de informática para os funcionarios da Administración Local da provincia de Lugo que traballen nas áreas de Urbanismo”. Asimesmo, o responsable da Deputación agradeu ó Alcalde e Deputado provincial, Claudio Garrido, como está a desenvolver o PXOM ó tempo que destacou as magníficas condicións nas que quedou a Casa da Cultura despois de que rematasen os traballos de rehabilitación. Programa das Xornadas As II Xornadas Xurídicas deron comezo ás 12:00 horas coa ponencia “Novidades introducidas no sector inmobiliario pola Lei de Ordenación da Edificación e o Código Técnico da Edificación” a cargo do Presidente do Consello Xeral de Arquitectura Técnica de España e Vicepresidente da Unión Profesional, José Antonio Otero Cerezo. Xa pola tarde, o Maxistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Román García Varela, moderou a mesa redonda na que especialistas na materia disertaron sobre o “Dereito do Urbanismo”. Asimesmo, no coloquio participaron Pascual Sala Sánchez, Maxistrado do Tribunal Constitucional, Fernando Ledesma Bartret, Presidente da Sección Terceira da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo, Mariano De Oro-Pulido López, Presidente da Sección Quinta da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo e Ramón Saul Lueje Espina, Director Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia. As xornadas continuarán durante a mañá do sábado coas ponencias “A licenza de obras como mecanismo de control” e “A responsabilidade civil dos axentes do proceso edificativo”. O simposio quedará clausurado ás 13:30 horas.