Deputación de Lugo

A Deputación destina 700.000 euros a pequenas obras de infraestruturas en Concellos de menos de 5.000 habitantes

O organismo provincial acometerá por primeira vez este plan do que se beneficiarán 41 municipios

A Deputación de Lugo destina 700.000 euros para subvencionar pequenas obras de pequenas infrestruturas en 41 Concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes, segundo anunciou o Deputado da Área de Cooperación cos Concellos e voceiro do grupo socialista, Antonio Gato Soengas. A Xunta de Goberno deste venres aprobou as bases que rexerán polo procedemento de concurrencia competitiva para concesión destas axudas. Gato Soengas dixo que “este é un sistema novo de cooperación cos Concellos que non se producira nunca na Deputación e que permitirá ás Entidades Locais realizar obras pequenas de infraestruturas”. O voceiro socialista apuntou que esta colaboración é cos municipos de menos de 5.000 habitantes “que son aqueles que teñen maior déficit de infraestruras e servizos. Nesta ocasión quedarán fóra deste Plan aqueles Concellos afectados polo canon enerxético, porque recibirán importantes dotacións económicas a través do seu pagamento”. Cada Concello recibirá da Deputación unha subvención de 17.000 euros, o 70% do custe do proxecto; o 30% restante deberán aportalo as Entidades Locais. “Por tanto, cada municipio dipoñerán moi pronto de 22.000 euros para pequenas obras. A esto haberá que engadir os 2.200.000 euros para o plan destinado a entidades asociaitivas e veciñais”. Esta liña de subvención está destinada ó cofinanciamento de actuacións como recollida de augas pluviais, beirarrúas, edificios, arranxo de parciñas ou espazos de uso común dos veciños, alumeados, ornamentación, ou xardinería. Antonio Gato tamén destacou que, por primeira vez, as propostas serán valoradas por unha comisión na que estarán representantes dos tres grupos provinciais presentes na Corporación. Os 41 os municipios que poden acceder a esta convocatoria son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Folgoso do Courel, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Trabada, Triacastela, o Valadouro, O Vicedo, e Xove. Outros acordos da Xunta A Xunta de Goberno tamén aprobou 27 contas xustificativas de obras correspondentes ós Plans de Cooperación con Comunidades Veciñais dos anos 2005 e 2006. En total suman 322.925 euros, dos que a Deputación achega 177.918 euros. A obras corresponden a comunidades de Becerreá, Foz, Pantón, Trabada, Barreiros, Begonte, Castroverde, Friol, Folgoso do Courel, Láncara, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pol, Sarria, Valadouro e Xermade. “Estamos paliando os retrasos producidos polo goberno do PP”, apuntou Gato Soengas. Tamén se aprobou a comparecencia da Deputación en varios recursos. Un deles é relativo ó atropelo dun corzo na estrada provincial de San Simón á Igrexa, no Concello de Vilalba, o 11 de marzo de 2007. O demandante reclama ó organismo provincial 449 euros polos danos que ocasionou no vehículo a colisión contra o animal salvaxe.