Deputación de Lugo

As Reservas Terras do Miño e Ancares xestionadas pola Deputación, un exemplo para o resto dos espazos naturais de España

Especialistas do Ministerio de Medio Ambiente avaliaron estes días a situación real das dúas Reservas

Especialistas, contratados polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, visitaron estes días as dúas Reservas da Biosfera que xestiona directamente a Deputación, Terras do Miño e Ancares, para analizar a situación real destes espazos naturais. A este respecto, Antonio Gato Soengas, explicou que “a voloración dos técnicos foi moi satisfactoria, xa que moitos dos proxectos, impulsados e levados a cabo polo INLUDES, poden ser extrapolables a outras Reservas tanto de Galicia como do resto do Estado español”. Neste senso, algúns dos exemplos que chamaron a atención dos especialistas son as distintas actividades de educación e divulgación medioambiental postas en marcha polo Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social e desenvolvidas ó abeiro do programa LIFE-Natureza 2000, o programa de visitas para nenos ó Centro de Interpretación Terras do Miño e ós distintos puntos desta Reserva e a exposición itinerante “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza”, que está percorrendo todos os Concellos da provincia, e que nestes momentos está no de Cervo. Asimesmo, Gato Soengas destacou que outras das particularidades que observaron os expertos e que marcan a diferenza con outros espazos naturais de España é a identificación propia de Terras do Miño e Ancares, o batuxo no primerio caso e a palloza no segundo. Estas son algunhas das conclusións que se substraen da visita realizada polo especialistas desde o 18 ó 20 de agosto. Para iso, os auditores realizaron diversas entrevistas a persoas persoal da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Xunta de Galicia, Seprona, Concello de Lugo, así como a distintos Alcaldes dos municipios incluídos na Reservas, asociacións ecoloxistas, xornalistas, etc. Bandeiras a media asta A Federación Española de Municipios e provincias (FEGAMP) enviou un fax este venres a todas as Deputacións e Concellos de España para que se decretasen tres días de loito polo tráxico suceso acontecido o pasado mércores no aeroporto de Baraxas. Neste senso, desde primeira horas do día de hoxe ata o domingo ás 24:00 horas as bandeiras da institución provincial ondearán a media asta. A este respecto, Antonio Gato lembrou que “o Presidente xa enviou onte telegramas de condolencia ó Concello de Madrid á Comunidade de Madrid e ó Presidente do Goberno Canario”. Roza das estradas provinciais A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación provisional do servizo de roza para os Concellos de Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda e Ribas de Sil á empresa Excavaciones Goni S.L. por un importe de 85.989 euros. Antonio Gato explicou que “se trata da zona 2 que quedara deserta por falla de presentación de licitadores. Desde este momento a Deputación acordou formular a invitación á tres empresas para que presentasen as ofertas, resultando ser a mellor a de Excavaciones Goni”. A este respecto, o voceiro provincial lembrou que este municipios contan con 486 quilómetros de vías provinciais e súmanse ós corenta nos que a Deputación contrata directamente este servizo, “por tanto desde agora mesmo todos os traballos de roza das vías provinciais poden ser levados a cabo. Sen dúbida, trátase dun avance importante”. Subvencións para pequenos Concellos Ademais, a Xunta de Goberno deu o visto e prace á modificación das bases de concesión de subvencións destinadas á realización de pequenas obras de infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes. “Nas bases produciuse un erro na cantidade a conceder e agora apróbase a rectificación. O importe da axuda en ningún caso excederá os 17.000 euros por Concello, tal e como foi anunciado polo Presidente da Deputación a través das cartas que se enviaron ós Alcaldes e Alcaldesas da provincia, excluíndo os municipios afectados polo canon hidroeléctrico”, apuntou o voceiro provincial. Este Plan de Cooperación novo estipula que os Concellos só teñen que achegar 5.100 euros, o que supón o 30% do custe da subvención concedida. “É unha primeira experiencia que formulamos con estes Concellos que son os que teñen menos servizos e infraestruturas, pero que tamén son necesarios para atender ó benestar dos cidadáns”. Outros acordos da Xunta de Goberno Por outra banda, aprobronse os plans de seguridade e saúde de catro obras: reparación do camiño municipal de Ferroi a Lázare no municipio de Guntín; acondicionamento da plataforma da estrada “Vilalba-Balsa á Igrexa da Costa”, correspondente ó POS 2007; ensanchamento e mellora da estrada que vai de Vilalba por Balsa a Chavín, do POS 2005; e desmonte en curva para mellora e seguridade no punto quilométrico 6,050 da estrada provincial 45,03 de San Pedro por Busnallán e Vilasol a Nullán, no Concello das Nogais. Finalmente, a Xunta de Goberno ratificou as resolucións do Xurado de Expropiacións de Galicia correspondentes á execución da obra, incluído no POL 2006, “de Vilalba-A Balsa-Chavín, ensanche e mellora do punto quilométrico 16,500 ó 18,000”.