Deputación de Lugo

A ÁREA DE DEPORTES DA DEPUTACIÓN APORTARÁ 250.000 EUROS PARA A MELLORA DO PAVILLÓN DE DEPORTES DO CONCELLO DE RIOTORTO

Imaxe deputación de lugo
O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o responsable da área de cultura deportes, Antonio Veiga, visitaron Riotorto para coñecer de primeira man as necesidades deste concello que se

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, acompañado polo Deputado responsable da Área de Cultura e Deportes, Antonio Veiga, realizaron unha visita oficial ao concello de Riotorto onde foron recibidos polo alcalde e por membros da corporación municipal. Tras a presentación dos membros do goberno da Deputación, por parte do alcalde, aos membros da corporación houbo un intercambio de agasallos entre os representantes de ámbalas dúas institucións e o alcalde, Federico Gutiérrez, aproveitou a oportunidade para agradecer esta visita aos representantes da Deputación e informou de que o Concello de Riotorto asinará en breve un convenio coa Área de Deportes para a remodelación do pavillón de deportes. Antón Bao destacou a necesidade de que “a Deputación teña unha especial sensibilidade á hora de atender as necesidades dos concellos e sobre todo dos máis pequenos, que son os que teñen menos recursos á hora de afrontar a posta en marcha de infraestruturas e actividades culturais e deportivas”. Os responsables da Área de cultura e deportes da Deputación manifestaron a súa disposición de incrementar para o ano 2009 a partida orzamentaria destinada a atender as necesidades dos concellos en materia deportiva e cultural. Despois da manter un encontro privado no despacho da alcaldía os responsables da Deputación e máis o alcalde, acompañados de varios edís, trasladáronse a visitar diversas instalacións deportivas e culturais do Concello de Riotorto. Nesta visita tanto o vicepresidente como o deputado delegado de cultura e deportes puideron coñecer de primeira man as necesidades e o estado de conservación das piscinas municipais e da casa da cultura de Riotorto. REMODELACIÓN DO PAVILLÓN DE DEPORTES Nesta visita ao Concello de Riotorto o vicepresidente primeiro da Deputación anunciou a aportación, por parte da Área de Deportes da Deputación, de 250.000 euros para a remodelación do pavillón de deportes da vila de Riotorto. Esta instalación deportiva será remodelada, segundo Antón Bao, “para que os veciños e veciñas de Riotorto dispoñan de un lugar no que practicar deportes en condicións dignas ao igual que o poden facer os que viven noutras vilas e cidades cun maior número de habitantes”. Pola súa parte o rexedor de Riotorto sinalou que “mellorar a calidade de vida no medio rural supón, tamén, apostar pola mellora e mantemento de instalacións deportivas que permitan a práctica do deporte para todos os veciños e veciñas”. A remodelación deste pavillón polideportivo consistirá na construción de vestiarios, melloras no cerramentos verticais, acondicionamento da pista, instalación de gradas móbiles, reparación da rede eléctrica e renovación do mobiliario deportivo. Para afrontar estas obras o Concello de Riotorto asinará, en breve, un convenio coa Deputación de Lugo a través do cal a Área de Deportes da Deputación aportará un total de 250.000 euros para sufragar os gastos das obras.