Deputación de Lugo

O VICEPRESIDENTE PRIMEIRO DA DEPUTACIÓN INAUGUROU A MOSTRA O POBO XITANO EN LUGO

Tras a inauguración desta mostra que recolle a historia dos últimos 25 anos do pobo xitano en Lugo, o Presidente da Unión Romaní D. Juan de Dios Ramírez Heredia ofreceu unha charla aos asistentes

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, foi o encargado de inaugurar a exposición O POBO XITANO EN LUGO. Na cerimonia participaron, tamén, o presidente da asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, Antonio Vila, a Xefa do Servizo de Xuventude e Benestar da Delegación Provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Belén Casas e o Presidente da Unión Romaní Juan de Díos Ramírez Heredia. A exposición, composta dunha serie de paneis fotográficos e notas de prensa, é un percorrido dende o asentamento en Lugo das primeiras familias xitanas ata os nosos días. A través destes paneis amósase a evolución deste pobo en temáticas tan variadas como vivenda, escola, emprego, actividades culturais,.. e mailo traballo desenvolvido pola Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo durante os seus 25 anos de vida. A exposición estará aberta ao público dende o venres 28 de novembro ata o 12 de decembro de 2008, de luns a venres en horario de 10 a 14h e de 16 a 19h. Tras o acto inaugural o Presidente da Unión Romaní Juan de Dios Ramírez Heredia participou na Charla-coloquio A Comunidade Xitana: pasado, presente e futuro. Ambos actos están enmarcados dentro da celebración do XXV Aniversario da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo. No acto inaugural o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, destacou a importancia do traballo desta asociación de cara a conseguir unha normalización da vida do pobo xitano na sociedade lucense. Bao manifestou que “é importante para os xitanos, como para todos os pobos, non perder a súa identidade como pobo nese proceso de integración social ao que se ven abocados na sociedade que os rodea e deben de manter as súas tradicións e a súa lingua como un sinal identitario que lles permita trazar un futuro certo”. Unha vez inaugurada a mostra, e antes de iniciarse a conferencia do ex-parlamentario europeo Juan de Dios Ramírez Heredia unha representante da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo acompañou aos presentes nun percorrido explicativo e cronolóxico polos paneis que compoñen a exposición.