Deputación de Lugo

O Deputado de Gandeiría da Deputación explicou o funcionamento do futuro centro de recría a 100 gandeiros da provincia

O encontro estivo organizado pola Federeación de Empresarios de Produtores Lácteos

O Deputado delegado da Área de Gandeiría e Agricultura da Deputación de Lugo, José María Arias, presentou este xoves o encontro que mantiveron no Salón de Actos da Deputación de Lugo preto de 100 gandeiros da provincia de Lugo que forman parte da Federación de Empresarios de Produtores Lácteos (FEPLAC). Arias aproveitou a ocasión para explicar o funcionamento do futuro centro de recría que a Deputación creará na Granxa Gayoso-Castro. O responsable da Área de Gandeiría destacou que o obxectivo do organismo provincial é “facer un gran centro de recría que convirta a Granxa Gayoso nunha instalación produtiva para os gandeiros cumprindo os parámetros da Unión Europea”. No acto no que tamén participaron os Presidentes da FEPLAC a nivel galego e nacional, Xaquín López e José Antonio Herrero Conejo, José María Arias explicou que “a Deputación non quere un centro no que só se produza leite como se viña facendo ata o de agora, de aí que se vaia acometer un plan de reciclaxe da propia Granxa, así como das súas instalacións converténdoa nun centro pioneiro no eido da xestión e da investigación”. O centro entrará en funcionamento no ano 2009. Neste senso, o deputado de Gandeiría salientou que ademais crearase un programa de mellora xenética “para que as novillas sexan inseminadas polos mellores toros”. Trátase da primeira vez que a Deputación recibe ós membros desta Federación que está integrada por gandeiros de toda Galicia e por socios a nivel nacional. José María Arias amosou a súa satisfacción porque os gandeiros e a FEPLAC elexisen o Pazo de San Marcos para celebrar o encontro. “Alégrame ver a gandeiros neste institución, xa era hora. Nós o que queremos e que a Deputacón sexa a casa de todos”. Ademais de prestar asistencia xurídica, a Federación de Produtores Lácteos analiza os principais problemas do sector e intenta buscar solucións que van encamiñadas á mellora da calidade de vida dos produtores de leite e á revalorización do produto. Pola súa banda, Xaquín López e José Antonio Herrero, agradeceron a disposición da Deputación para a celebración do encontro ó tempo que felicitaron ó equipo de goberno por impulsar un proxecto “que, ademais de contribuir a eliminar problemas sanitarios como a mamitis, favorece o desenvolvemento das novillas”.