Deputación de Lugo

O Concello de Lugo concede a Medalla de Ouro da Cidade ó diario El Progreso

O Presidente da Deputación participou no acto de entrega xunto con outras autoridades da vida social e política luguesa

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, asistiu este xoves ó acto no que o Concello de Lugo entregou a Medalla de Ouro da Cidade ó diario El Progreso polo seu centenario. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, en nome da Corporación en Pleno, foi o encargado de entregar á Presidenta do xornal lugués, Blanca García Montenegro, tal distinción. Na sesión ordinaria celebrada o 30 de xuño deste ano, o Excelentísimo Concello en Pleno decidiu, por unanimidade, concederlle esta condecoración ao diario pola súa traxectoria de servizo á cidade durante os seus primeiros cen anos de vida. Previamente ó acto da entrega da Medalla de Ouro, a Presidenta do diario foi recibida polo Alcalde no Despacho de Alcaldía onde asinou no Libro de Ouro: “Para todos os que integramos El Progreso, e moi especialmente para min como editora, a recepción da Medalla de Ouro de Lugo fai que hoxe sexa un dos días máis fermosos no Centenario de El Progreso. Co agradecemento a todos e a cada un dos membros da Corporación Municipal en Pleno e coa vontade de seguir facendo periodismo en e por Lugo”. O acto de entrega da Medalla, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello, contou coa presenza de numerosas autoridades da vida social e política lucense. Na mesa de Presidencia estiveron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro e o Presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro. A presidenta agradeceu en nome de todos os traballadores de El Progreso a concesión desta máxima distinción da cidade e afirmou que “é a confirmación dos estreitos vínculos que unen, e creo que se pode decir que identifican, a El Progreso coa cidade, e á cidade co seu periódico”. A presidenta do diario engadiu que é “unha identificación que nace na orixe do periódico e se mantén durante os últimos cen anos”.