Deputación de Lugo

Lara Méndez participou na inauguración da nova unidade asistencial de drogodependencias que mellora a eficiencia na atención, e permite un maior desenvolvemento da prevención e a formación

Imaxe deputación de lugo
A Sanidade pública galega investiu un total de 704.000 euros nestas instalacións, que integran tanto a Unidade Asistencial como a Unidade de Día xa existentes nun edificio máis amplo facilitando a coordinación asistencial

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participou este venres na inauguración das novas instalacións da Unidade Asistencial de Drogodependencias e da Unidade de Día en Lugo. Estas dependencias -nas que o Servizo Galego de saúde investiu 704.000 euros- mellorarán considerablemente a coordinación e a eficiencia no eido asistencial ao reunir aos dous dispositivos xa existentes, e permitindo potenciar outras áreas nas instalacións como son a prevención e a formación. A Unidade Asistencial vén prestando atención en réxime ambulatorio ao colectivo de afectados e familiares, e a Unidade de Día, a drogodependentes que pola súa situación psicosocial precisan de tratamentos máis intensivos e cun réxime de internamento parcial para favorecer a súa reincorporación social. Neste dispositivo asistencial, emprazado no novo edificio, traballará un colectivo de 16 profesionais que atendeu, no pasado ano e nos anteriores emprazamentos, a un total de 545 pacientes e ás súas familias, dos que 161 iniciaron tratamento nese ano. Produciuse un incremento de practicamente o 50 por cento no volume asistencial atendido nos dez últimos anos. Durante o ano 2007, rexistrou cerca de 15.000 intervencións co colectivo de pacientes atendidos, cunha elevada porcentaxe de altas terapéuticas entre o 35 por cento e o 50 por cento no conxunto de programas asistenciais de pacientes cocainómanos, heroinómanos e enfermos alcohólicos que compoñen a súa actual carteira de servizos. “Quixera destacar o excelente labor do seu equipo profesional, tanto na área asistencial como na de prevención, formación e investigación”, afirmou Rubio Vidal. A Consellería de Sanidade vén apoiando economicamente o funcionamento destes recursos asistenciais, cun financiamento que experimentou nos últimos dous anos, un incremento, pasando de 524.000 euros de 2005 aos 675.000 euros do pasado ano. “Tanto pacientes como terapeutas, beneficiaranse coas novas instalacións, homologables ás de calquera centro asistencial profesional, marcando así, unha clara diferenza co concepto que historicamente representaron este tipo de recursos, xestionados con criterios de voluntarismo e beneficencia”, explicou Rubio Vidal. Resposta unitaria e prevención fronte ás drogodependencias A través do Plan de Galicia sobre Drogas 2007-09 preténdese o reforzo e potenciación da área de prevención, procurando como un dos obxectivos principais deste área pasar do 68 por cento de cobertura poboacional ao 100 por cento ao final do Plan. Para isto comprometeuse un incremento orzamentario escalonado de modo que todas as accións preventivas que se desenvolvan en 2009, representen un terzo do orzamento total do referido Plan. “Na actualidade, xa temos alcanzado unha cobertura poboacional potencial de máis do 80 por cento do territorio”, anunciou Rubio Vidal. “O noso compromiso -continuou- non é só en cantidade, apostamos tamén pola calidade”. Nesa liña, elaborouse e vense de aprobar unha normativa específica para acreditación de programas de prevención, permitindo que os recursos públicos dean prioridade o financiamento destes programas de calidade contrastada. A conselleira de Sanidade fixo referencia tamén á actual rede asistencial de drogodependencias de Galicia, unha rede “potente e ben articulada”, xestionada conxuntamente, e na que traballan máis de 200 profesionais dos ámbitos sanitario e social. Actualmente, e trala aprobación polo Consello da Xunta de Galicia do referido Plan de Galicia sobre Drogas: 2007-09, “atopámonos inmersos nun proceso de integración funcional e normalización deste dispositivo asistencial específico na rede de saúde mental do Servizo Galego de Saúde, como centros especializados no tratamento de condutas aditivas”, subliñou a conselleira de Sanidade. Colaboración e compromiso na loita fronte ás drogodependencias Doutra banda, resulta evidente que ante un problema como o das drogodependencias, cunha importante dimensión sanitaria e social, ten que ser a sociedade no seu conxunto a que formule unha resposta unitaria fronte ao mesmo. Boa mostra do compromiso do actual Goberno de Galicia na loita contra as drogodependencias é a súa implicación neste proceso de normalización da asistencia a este colectivo, recadando a cooperación de todas as entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas. Coincidindo coa inauguración destas novas instalacións, Rubio Vidal tivo agradecementos especiais para a Delegación do Goberno do Plan Nacional sobre Drogas, para a Asemblea Provincial da Cruz Vermella de Lugo, e para o Concello de Lugo, posto que a inauguración deste novo edificio que albergará o dispositivo asistencial de drogodependencias é posible grazas a colaboración deste Concello, que posibilitou que este edificio acolla estas instalacións. En definitiva, afirmou Rubio Vidal, “agradecer a todas as entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, a súa cooperación nesta loita da nosa sociedade fronte a este grave problema social e sanitario e que, grazas a esta colaboración, permitiu configurar unha resposta rápida e eficaz fronte a esta problemática”.