Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participou na inauguración do Centro de Orientación laboral de Lugo

O programa ‘Reincorpora’ dará unha oportunidade de emprego de 6 meses de duración ós demandantes que leven máis dun ano inscritos

Esta iniciativa, da que se beneficiarán uns 3.500 desempregados en toda Galicia, suporá un investimento inicial de 24 millóns de euros O seu desenvolvemento realizarase en estreita colaboración cos concellos, a través dos Pactos Territoriais de Emprego O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres na inauguración do Centro de Orientación Laboral de Lugo. O acto contou tamén coa presenza do Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Delegado provincial de Traballo, Miguel Ángel López Calvo. Neste senso, o titular autonómico de Traballo anunciou a posta en marcha do programa Reincorpora, unha iniciativa que ofrecerá unha oportunidade de emprego de 6 meses de duración a aqueles demandantes que leven máis de 12 meses inscritos nas listas do paro. O principal obxectivo desta nova medida do Goberno galego é proporcionar un período de readaptación o entorno laboral para os desempregados de longa duración, que son os que habitualmente se atopan con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo. Na súa intervención Varela explicou que o desenvolvemento do programa Reincorpora realizarase en estreita colaboración cos concellos, a través dos Pactos Territoriais de Emprego. Indicou ademais que a Consellería de Traballo vai destinar á posta en marcha desta iniciativa -da que se beneficiarán 3.500 desempregados en toda Galicia- un investimento inicial de 24 millóns de euros. Desta cantidade estímase que 2,2 millóns se aplicarán na provincia de Lugo. Ricardo Varela asegurou tamén que a Consellería de Traballo é consciente das dificultades que se están a atravesar e que se concretan nun menor crecemento da afiliación e nun incremento do paro rexistrado. Neste sentido o programa Reincorpora vén a completar as medidas que se xa se desenvolven dende principios de ano para atallar esta situación. Así, Varela lembrou o reforzamento do programa de creación de autoemprego e o establecemento de programas para a incorporación dos novos demandantes a sectores máis dinámicos. Entre outras iniciativas subliñou o Plan de incorporación ó sector naval, o Plan de reorientación e mobilidade sectorial ou os programas Agromar e Tecendo Futuro, destinados ao colectivo feminino. Tamén indicou que as respostas necesarias á situación actual do mercado laboral e da economía galega fundaméntanse na análise e prospectiva do terreo laboral, nos itinerarios personalizados de inserción, e na orientación e formación profesional. Deste xeito, as tarefas que se deben realizar están claras e definidas e terán que axeitarse ás necesidades detectadas no mercado de traballo galego e ás características dos demandantes. Un centro influínte O representante do Goberno galego afirmou que a posta en marcha do Centro de Orientación Laboral de Lugo garda unha estreita relación coa acta do preacordo do Servizo Público do Emprego de Galicia, asinado o 27 de setembro de 2006. Posteriormente, acadouse o pacto sobre o novo modelo de SPE, un dos nove que conforman o Novo Marco de Relacións Laborais en Galicia: Acordo polo Emprego rubricado o pasado 5 de febreiro de 2007. Neste acordo defínese a participación dos concellos en materia de emprego e as tarefas a realizar por cada un dos integrantes da rede de emprego, facendo especial fincapé na orientación como punto de partida das políticas de emprego. Varela tamén recordou que por primeira vez se puxeron en marcha os Pactos Territoriais de Emprego, de feito, o primeiro foi o de Lugo- matizou, uns órganos colexiados de participación no que todos e cada un dos concellos de Galicia traballarán no diagnóstico, planificación, informe e avaliación das políticas de emprego da Consellería. Así pois, definíanse os 3 grandes actores na orientación laboral: a Consellería de Traballo, os axentes económicos e sociais e os concellos, e situábase no inicio de todo o proceso, xa que se apostou pola orientación de cara a determinación do nivel de competencia profesional a través dos itinerarios personalizados de inserción. Segundo explicou Varela, estes itinerarios indicarán as diferentes medidas de mellora da empregabilidade que precisa cada demandante en cada ocupación. Destacou que dende o 2006 en Galicia estanse a poñer en marcha medidas que hoxe son o eixe dun plan extraordinario que ten elaborado o Ministerio de Traballo e Inmigración, polo que “en Galicia levamos dous anos nesta liña que se está a xeneralizar nos Servizos Públicos de Emprego de todo o Estado”. O conselleiro de Traballo mostrouse convencido de que o Centro de Orientación Laboral será un referente no diagnóstico do mercado de traballo da cunca de emprego de Lugo que permitirá definir as súas novas tendencias e novas ocupacións e potenciar os proxectos emprendedores. Apostou, finalmente, por que Lugo lidere o Pacto Territorial de Emprego, que na actualidade está a traballar nunha primeira diagnose que permitirá ao Comité de Dirección afondar máis no coñecemento do territorio, e porque o Centro de Orientación exerza unha importante influencia na área de actuación deste pacto.