Deputación de Lugo

O Vicepresidente Primeiro da Deputación participou na inauguración das piscinas de Sarria

Nesta visita oficial, Antón Bao explicou que a Área de Cultura e Deportes aportará preto de cen mil euros dos seus orzamentos ao arranxo das piscinas de O Chanto

O vicepresidente primeiro da Deputación,Antón Bao, realizou na mañá de hoxe unha visita institucional ao concello de Sarria onde foi recibido polo alcalde e por membros da corporación. Logo de realizar unha visita ás dependencias municipais, o vicepresidente plasmou a súa sinatura no libro de ouro do concello. Tras a sinatura houbo un intercambio da agasallos institucionais entre o vicepresidente primeiro da Deputación e o alcalde da vila. Nunha pequena rolda de prensa Antón Bao informou do compromiso, da Área de Cultura e Deportes da Deputación, de aportar para as piscinas do concello de Sarria un total de 93.963 € neste ano 2008 que supón o 50% do importe do arranxo que ascende a un total de 187.924,06 €. Antón Bao resaltou que esta é a primeira colaboración que se fai efectiva entre un concello e a Deputación Bao sinalou que “a área de Deportes da Deputación de Lugo demostra con este convenio o seu compromiso cos concellos poñendo os medios necesarios para a mellora de unhas instalacións deportivas, neste caso unhas piscinas que servirán para o disfrute das veciñas e veciños de Sarria”. O vicepresidente reiterou a súa ledicia por ser esta a primeira obra que se efectiviza froito da colaboración entre a área de Deportes da Deputación e un concello. No acto de inauguración das piscinas estiveron presentes, ademais do alcalde de Sarria e do vicepresidente primeiro da Deputación, o concelleiro de cultura, Xermán Árias e outros membros da corporación municipal. No complexo de O Chanto funcionarán este verán as dúas piscinas para adultos e a piscina infantil que foran construídas no ano 2002 e que nos últimos anos viñan tendo problemas debido a un fallo na construcción dos vasos de dúas delas. Tras esta última reparación o bo funcionamento das piscinas inauguradas hoxe queda totalmente garantido. APOIO AO MOVEMENTO ASOCIATIVO Tras visitar a casa do concello o vicepresidente primeiro da Deputación desprazouse, ata o edificio da antiga prisión de Sarria, onde mantivo un encontro, con membros de varias asociacións culturais e deportivas no que lles explicou aos representantes dos colectivos alí presentes cales serán as liñas de subvencións que a Área de Cultura e Deporte da Deputación levará a cabo. Bao visitou, xunto co concelleiro de cultura Xermán Árias, o edificio da antiga prisión para coñecer cales son os proxectos que o concello de Sarria ten previsto levar a cabo neste edificio que se atopa estancado no seu proceso de rehabilitación.