Deputación de Lugo

A Deputación aforrará cartos e tempo ós veciños ofrecéndolles novos trámites e servizos a través do móbil

O organismo lugués avanza na implantación da administración sen papeis con un plan financiado ó 73% polo Ministerio de Industria que permitirá, por exemplo, pedir vía móbil un volante de empadronamento, cita con funcionarios ou comunicar incidencias na vía pública A institución luguesa liquida a débeda do Canon eléctrico en Ribas de Sil destinando 54.000 euros á instalación dos equipos de calefacción e climatización na casa consistorial, un edificio que xa foi acondicionado e ampliado con cargo a estes mesmos fondosA Xunta de Goberno aproba a creación de dous portais web didácticos sobre as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares para difundir a riqueza destes espazos e seguir dando pasos que garantan o mantemento destas declaracións por parte da UNESCO

A Deputación de Lugo avanza na implantación da administración sen papeis na provincia, aberta as 24 horas, os 365 días do ano, poñendo en marcha un programa cofinanciado polo Ministerio de Industria que permitirá ós veciños facer trámites e dispoñer de servizos do organismo provincial e os concellos a través do seu teléfono móbil, de xeito rápido e sinxelo. A Xunta de Goberno aprobou na sesión deste venres sacar a contratación o proxecto, e, aínda que non será ata que se adxudique cando se concreten os servizos telemáticos que se ofrecerán, o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, adiantou que se tratará de xestións como, por exemplo, solicitar un volante de empadronamento, pedir cita con funcionarios, recibir información sobre actividades ou eventos, e comunicar incidencias na vía pública.

Martínez destacou que a posta en marcha dos novos servizos telemáticos, a Deputación “aforra cartos e tempo os veciños, ó evitar que teñan que desprazarse á Deputación ou ó seu Concello para facer xestións; aforramos cartos ós Concellos, pois a Administración Electrónica é un servizo que por Lei teñen que implantar; e modernizamos a administración pública, ofrecéndolle un servizo máis áxil e eficaz ó cidadán”. O orzamento é de 65.800 euros, dos que o Ministerio de Industria achega o 73%, é dicir 48.000 euros, e a Deputación o 27% restante, isto é 17.800 euros.

Con esta nova iniciativa, a institución luguesa reforza o eixo central das súas actuacións en materia tecnolóxica, o programa Innova-TE, dotado con 15 millóns de euros que achega a Unión Europea nun 80%. Gracias ó Innova-TE, a día de hoxe pódense facer 143 trámites administrativos on line coa Deputación e os 49 Concellos adheridos voluntariamente.

Xornadas tecnolóxicas para os máis novos

A Xunta de Goberno deu luz verde hoxe a outro proxecto relacionado coas novas tecnoloxías, aprobando a contratación dunhas xornadas sobre este tema destinadas especificamente ós máis novos. Trátase das Xornadas Educ@tic, que se celebrarán no Centro de Innovación Social, o In Lugo, “e incluirán todo tipo de actividades didácticas e lúdicas para que os rapaces de hasta 18 anos de idade coñezan as novas tecnoloxías e as usen de xeito adecuado para mellorar, por exemplo, as súas técnicas de estudo. Tamén queremos achegar ós máis novos ó mundo da innovación e incluso estimular novos talentos neste ámbito”, explicou Martínez. A orzamento é de 29.000 euros, financiados nun 89% polo Ministerio de Industria, polo que a Deputación achegará 3.200 euros e o Goberno central, os 25.800 restantes.

Este proxecto formativo potencia a actividade do Centro de Innovación Social, o primeiro centro destas características creado en Galicia, que busca estendelo uso das TIC entre os veciños e as empresas da provincia. No ano e medio que levan en funcionamento, pasaron polo In Lugo máis de 1.300 persoas, e na actualidade imparte por toda a provincia 100 cursos gratuítos de novas tecnoloxías con capacidade para 1.500 persoas.

Liquidado o Canon de Ribas de Sil

A Deputación liquida a débeda do Canon eléctrico en Ribas de Sil coa aprobación na Xunta de Goberno de hoxe dunha partida de 54.000 euros para instalar os equipos de calefacción e climatización da casa consistorial, un edificio que xa foi acondicionado e ampliado con cargo a estes mesmos fondos, cubrindo deste xeito unha necesidade que tiña o municipio dende hai moitos anos.

A achega correspondente a Ribas de Sil, un dos 15 Concellos con produción hidroeléctrica que non contan con sentenza favorable, suma 461.189,33 euros, que se destinaron a catro obras, acordadas co Alcalde: a mellora e ampliación da nova casa consistorial, con un investimento de 306.000 euros; a adquisición dun tractor valorado en 70.693 euros para o mantemento das pistas e camiños municipais; a compra dun camión para o servizo de extinción de incendios, con 154.000 euros; e a dotación de calefacción e climatización ó Concello, con 54.000 euros.

Na actualidade, tan só quedan pendentes de liquidar as débedas do Canon con Paradela e O Páramo, pois a Deputación está pendente de definir cos Alcaldes as últimas obras a acometer: no caso de Paradela quedan 130.000 euros por investir, e xa se executaron 270.000; e no Páramo restan 85.000 euros, e xa se investiron 142.000.

Novo impulso ás Reservas da Biosfera

A Xunta de Goberno tamén aprobou na sesión de hoxe a creación de dous portais web didácticos sobre as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, unha actuación que desenvolve a través do programa Lug02, financiado ó 80% pola Unión Europea, e que ten dous obxectivos: por un lado, difundir entre todo tipo de público -nenos e maiores, profesores, estudantes, científicos ou particulares- a riqueza natural, cultural, etnográfica e patrimonial das Reservas da Biosfera para impulsar a súa posta en valor e conservación, así como xerar riqueza na provincia aproveitando os recursos naturais; e por outro lado, coa xeración de material didáctico sobre estes espazos de gran valor ambiental, a Deputación segue poñendo os piares necesarios para garantir o mantemento da declaración das Reservas por parte da UNESCO.

Os portais de Internet incluirán tanto novos contidos, como outros que creou a Deputación dende que Terras do Miño e Os Ancares foron recoñecidas como Reserva, e que serán dixitalizados e adaptados para incluílos nas web. Tratarase de páxinas web con información rigorosa, pero tamén amena e atractiva, nas que, xunto a textos e imaxes, haberá vídeos, xogos interactivos e mapas xeográficos das Reservas sobre os que os usuarios poderán navegar.

A posta en marcha destes portais web didácticos sobre as Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares reforza as actuacións que vén promovendo a Deputación co obxectivo de impulsar o desenvolvemento sostible destes territorios e garantir a continuidade das declaracións da UNESCO ante a revisión que fará o ano que vén. Entre outras actuacións:

A Deputación foi unha das primeiras administracións de Galicia en constituír os órganos de dirección das Reservas, convertendo deste xeito por primeira vez ós cidadáns e ós Concellos nos auténticos protagonistas do desenvolvemento de estratexias de futuro para estas zonas.

Está catalogando, coa colaboración da Universidade de Santiago, os espazos de Terras do Miño e Os Ancares en función das súas características ambientais.

Traballa na elaboración do Plan de Acción que marcará as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento destes espazos nos próximos 10 anos.

E iniciará en breve a sinalización das dúas Reservas para favorecer as visitas turísticas.