Deputación de Lugo

Antón Bao recibe a atleta Alessandra Aguilar e o judoka Toni López no Pazo de San Marcos

A vitoria no Maratón de Hamburgo e o ouro no Campionato de España de Judo para Cegos e Discapacitados Visuais avalan estes dous deportistas lucenses

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, recibiu este xoves a atleta lucense Alessandra Aguilar e o judoka vilalbés Toni López, logo de proclamarse campioa no Maratón de Hamburgo, que tivo lugar en Alemaña a pasada fin de semana, e de gañar o ouro no Campionato de España para Cegos e Discapacitados Visuais o pasado día 18 de abril, respectivamente. O Pazo de San Marcos acolleu esta recepción á que foron convidados os voceiros dos grupos políticos con representación na Deputación de Lugo. Na súa intervención, Antón Bao felicitou os dous deportistas aos que se referiu como “todo un modelo para seguir, especialmente para a xuventude”. Logo disto, o vicepresidente primeiro da Deputación salientou o “esforzo individual realizado” e o “espírito de superación” que levou a cada un deles a acadar numerosos éxitos en cadansúas disciplinas deportivas. En canto a estes “máis ca merecidos” éxitos, Antón Bao instou a Alessandra Aguilar e a Toni López a seguir “traballando para continuar superando barreiras” e acadar numerosos triunfos. Nesta Liña, Bao lembroulles a todos os asistentes que a Área de Deportes da Deputación de Lugo apoiará, fomentará e impulsará o deporte de base en todas e en cada unhas das comarcas lucenses, ademais de contribuír todo canto sexa posible no avance e na mellora das carreiras profesionais dos deportistas de Lugo. Unha carreira máis ca prometedora e “un currículo de impacto” é o da deportista lucense Alessandra Aguilar que logrou a pasada fin de semana a vitoria no Maratón de Hamburgo cun rexistro de 2 horas, 29 minutos e 1 segundo, unha marca que lle permitirá participar no vindeiro Campionato do Mundo de Berlín que se disputará en Alemaña o próximo mes de agosto. A corredora do Fútbol Club Barcelona conseguiu o seu mellor rexistro persoal na proba dos 42 km e quedou a tan só 2 minutos e 10 segundos da mellor marca da historia de España que ostenta a atleta Ana Isabel Alonso. A maratoniana conseguiu o seu maior triunfo internacional no que foi o seu terceiro maratón, logo de debutar o ano pasado en Rotterdam (quedou terceira) e de participar nos Xogos Olímpicos de Pekín. Pola súa banda, o judoka vilalbés, Toni López, conseguiu o ouro no Campionato de España para Cegos e Discapacitados Visuais que tivo lugar en Tarragona o pasado 18 de abril. Esta non é a primeira vez que López acada un triunfo destas características xa que, en 2008 e 2007, lograba unha medalla de prata e ouro no mesmo torneo, respectivamente. Este triunfo posibilita que o deportista lucense participe no Campionato de Europa para Cegos e Discapacitados Visuais que terá lugar en Hungría entre o 3 e o 5 de xullo. Na súa intervención, López resaltou que os logros acadados en determinados deportes non teñen “tanta repercusión mediática” como os triunfos logrados noutras prácticas consideradas maioritarias. Dende a súa posición, é xornalista de profesión, o judoka achegou unha visión crítica e construtiva do panorama deportivo galego. Nesta liña, o deportista salientou os logros acadados por Alessandra Aguilar, un dos seus “ídolos” deportivos por excelencia e pola que sempre apostou como unha das grandes estrelas do deporte de Lugo e do país. Logo disto, Toni López comentou que hai “moitas formas de entender o deporte, coma un entretemento, unha competición ou simplemente un xeito de vida”, asegurou.