Deputación de Lugo

A Área de Cultura da Deputación porá en marcha un plan para a posta en valor do Patrimonio Inmaterial

Manifestacións singulares como o Entroido Ribeirao, Entroido Oso de Salcedo, Fachas de Castelo serán obxecto do apoio deste plan

Este plan inclúe a convocatoria de dúas bolsas que permitirán a apartación de traballo técnico no plan de recuperación O presidente en funcións da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou o plan que desenvolverá a Área de Cultura para a recuperación e a posta en valor do patrimonio inmaterial galego nas súas diversas manifestacións ao longo das comarcas de Lugo. Segundo o vicepresidente Antón Bao “a posta en marcha deste plan obedece á necesidade de por en valor e difundir a singularidade de determinados elementos do patrimonio inmaterial desta provincia que son descoñecidos por gran parte da poboación e que, ademais do seu valor etnográfico, teñen un enorme potencial como atractivo turístico”. Este plan para a posta en valor do patrimonio inmaterial desenvolverase en varias fases e a área de cultura da Deputación destinará medios técnicos e económicos á recuperación, difusión e promoción das diversas manifestacións singulares que aínda se conservan na provincia de Lugo. As manifestacións do patrimonio inmaterial singulares conservan interesantes características que se dan nos mencionados ritos festivos e a través do plan programado tratarase de preservar e afondar no coñecemento das características culturais e etnográficas que se conservan no entorno da festa. Estes ritos festivos mantivéronse ao longo do tempo grazas ao traballo do asociacionismo cultural e moitas veces ao traballo nominativo de moitas das persoas que traballaron e traballan de xeito altruísta pola recuperación e por manter as tradicións populares que son as propias do noso país e da nosa cultura. Algunhas destas manifestacións do patrimonio inmaterial máis salientables son o Entroido Ribeirao (Chantada), Entroido Oso de Salcedo (A Pobra de Brollón), Fachas de Castelo (Taboada), Fachas de Vilelos (O Saviñao), Danzas da Cervela (O Caurel), Representación do meco e das campónigas na Ermida – Saouto do Val (Quiroga), Pandeiras de Piornedo (Cervantes). Todas as intervencións que recolle o plan levaranse a cabo coordinadamente coas persoas e asociacións que neste momento manteñen as tradicións e a sabedoría destas festas. Hai que lembrar que a situación destes ritos festivos e das asociacións que os manteñen non é óptima debido, en boa medida, á dispersión e ao envellecemento poboacional e á falta de infraestruturas. Unha das intervencións que se levará a cabo será sobre a poboación escolar, deseñaranse unha serie de actividades e material didáctico destinado a espallar, entre os máis novos o coñecemento destas manifestacións e dos personaxes que os protagonizan. BOLSAS PARA O PROGRAMA DE RECUPERACIÓN, REVALORIZACIÓN E DIFUSIÓN DO PATRIMONIO INMATERIAL A Xunta de Goberno da Deputación aprobará o vindeiro venres a creación de dúas Bolsas para colaborar no programa para a recuperación e revalorización do Patrimonio Inmaterial. Estas bolsas teñen como finalidade a colaboración da Área de Deporte e Cultura na recuperación do Patrimonio Inmaterial. E irán dirixidas a licenciado/as en Xeografía e Historia, en Humanidades ou a alumno/as do último ano de calquera das licenciaturas anteriores. Os bolseiros aportarán os seus coñecementos técnicos e traballarán coas asociacións e persoas vencelladas á conservación destas manifestacións que se conservan en Lugo.