Deputación de Lugo

O Delegado saharauí para Galicia e a responsable de Solidariedade Galega visitan a Deputación de Lugo

Foron recibidos por Lara Méndez vicepresidenta 2ª e por Mª Xosé Vega Buján, vicepresidenta 3ª e representante da Área de Benestar Social

A Responsable de Benestar Social da Deputación de Lugo, Mª Xosé Vega Buján, recibiu hoxe, xunto á Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, ao representante do pobo saharauí para Galicia, Ahmedu Mojtar Abdalahi, e á representante da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla Avión. Ambas entidades, que teñen a súa sede na provincia de Pontevedra, comezaron fai unhas semanas unha serie de visitas itinerantes polas institucións galegas para acadar unha maior concienciación e colaboración para co conflito saharauí. Este conflito reúne en torno a el unha serie de reivindicacións para o respecto aos dereitos humanos e ao dereito internacional. “Hai que tomar conciencia e dar a cara ante unha situación que leva vixente 33 anos”, segundo palabras de Ahmedu Mojtar. Búscase, polo tanto, unha maior implicación e participación en actividades que promovan a consecución dos dereitos do Pobo Saharauí, posibilitando unha maior coordinación entre os diferentes actores. A Asociación Solidariedade Galega co pobo saharauí crea nesta liña o programa Vacacións en Paz, candiadato ao Premio Príncipe de Asturias da Solidariedade e Concordia. Dentro de este programa trasládase a unha serie de nenos, con idades comprendidas entre os 7 e 12 anos, dende os campamentos de Tindouf ata Galiza, onde son acollidos por familias. A idade pode variar en situacións de especial atención, como pode ser no caso de fillos de mestres ou de vítimas de guerra, cunha situación médica delicada ou que formen parte de programas de estudos. Os obxectivos desta viaxe, que este ano acolle a 846 nenos, só en Galiza, son facilitar asistencia médica, ofertarlles unha alternativa ao tempo libre e sensibilizar á poboación galega da situación co pobo saharauí. Mª Xosé Vega expresou a súa dispoñibilidade para a colaboración entre ambas institucións, tanto no traslado e acollida destes nenos, como na resolución pacífica do conflito. “Temos que implicarnos e asumir un compromiso activo coa causa saharauí, porque é unha causa xusta sobre a que todos temos responsabilidade”. Pola súa banda, Lara Méndez loubou o programa solidario Vacacións en Paz. “Grazas a esta iniciativa, preto de 850 menos saharauis pasarán este verán en Galicia, o que pon de manifesto a sensibilidade que hai por parte de moitas familias galegas sobre a situación na que viven estes nenos nos campos de refuxiados”. A Vicepresidenta Segunda dixo que “sen dúbida, as familias son o principal piar deste programa pero tamén é importante a colaboración das administracións, e a Deputación non podía estar á marxe desta iniciativa”.