Deputación de Lugo

A Presidenta en funcións destaca o apoio da Deputación á comarca de Lemos

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez particiou en Monforte nos actos do 125 aniversario da liña férra Palencia- A Coruña

A Presidenta en funcións da Deputación, Lara Méndez, participou nos actos organizados este domingo en Monforte de Lemos pola Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril con motivo do 125 aniversario da inauguración da liña férrea Palencia – A Coruña. Na súa intervención, Lara Méndez subliñou a importancia deste acontecemento xa que supuxo enlazar o noroeste peninsualr coa Meseta e poñer fin ó illamento que padecía Galicia. Ademais, a Presidenta en funcións destacou o papel que desempeñou o logo de todos estes anos o ferrocarril no desenvolvemento de Monforte de Lemos e a súa bisbarra. Lara Méndez dixo que a Deputación está a traballar para que a cidade do Cabe sega a ocupar o lugar que se merece en Galicia e na nosa provincia con programas como Km0, que se poñerá en marcha o vindeiro martes, ou o Plan Director provincial de Turismo. Ademais, afirmou que esta zona terá un peso decisivo no Plan Estratéxico que está a redactar a institución provincial. A Presidenta en funcións participou, na praza da Estación da capital monfortina, no acto de descubrimento da praca que conmemora a inauguración da liña Palencia- A Coruña en 1883, asistiou ó posterior desfile de vehículos ferroviarios e asinou no libro de honra de AMAFER. INTERVENCIÓN LARA MÉNDEZ, PRESIDENTA EN FUNCIÓNS Alcalde, Presidente do comité organizador, señoras e señores, Moi bos días! En primeiro lugar quero facerlles chegar un afectuoso saúdo do Presidente da Deputación. Por motivos alleos á súa vontade, hoxe non puido acompañarnos pero está enormemente agradecido á Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril por contar coa Deputación de Lugo para celebrar o 125 aniversario da inauguración da liña férrea Palencia- A Coruña. Aquel foi un acontecemento que marcou un antes e un despois non só na nosa provincia senón en toda Galicia. Porque non estamos a falar dunha simple liña ferroviaria, senón da chegada do tren á nosa comunidade, é dicir, da entrada de Galicia na modernidade. A inauguración da liña Palencia- A Coruña foi un fito histórico porque enlazou o noroeste peninsular coa Meseta a través dun medio de comunicación revolucionario no século 19 e polo que seguimos apostando no século 21 coa chegada do AVE. Grazas ó ferrocarril, Galicia abriuse ó exterior, e rematou ó illamento secular que padecía. Pero falar do tren en Galicia é facelo, inevitablemente, de Monforte de Lemos, a cidade ferroviaria galega por excelencia, e un dos puntos neurálxicos da rede ferroviaria en toda España. Esta Estación na que agora estamos foi, e segue a ser, testemuña da saída e chegada a Galicia de milleiros de pasaxeiros e de toneladas de mercadorías, dúas circunstancias que contribuíron de forma decisiva ó progreso e ó desenvolvemento da nosa Comunidade e da nosa provincia. O ferrocarril trouxo prosperidade e riqueza a esta comarca e a esta cidade, que medrou social e economicamente ó seu amparo. Monforte foi a capital galega ferroviaria cando o tren era o único medio de comunicación que existía. Desde entón a sociedade evolucionou e é necesario adaptarse ós novos tempos. Desde a Deputación de Lugo estamos poñendo o noso grao de area, xunto con outras institucións e a iniciativa privada, para que este concello siga a ocupar o lugar que merece, tanto na provincia como en Galicia. Monforte ten moito máis futuro que o de cidade ferroviaria, quere sacar proveito da gran riqueza histórica, patrimonial e paisaxística que ten esta zona. Por algo estamos na capital da Ribeira Sacra. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o equipo de goberno que dirixe, apostou desde un principio por esta comarca, piar fundamental da provincia. Razón pola que Monforte e a súa bisbarra terán un peso decisivo no Plan Estratéxico provincial que está a redactar a Deputación. Ademais, a Ribeira Sacra é un dos principais eixos do Plan Director provincial de Turismo que xestiona a nosa compañeira de equipo de goberno, María Xosé Vega. Hai escasas semanas inaugurabamos o novo catamarán da Deputación nos Canóns do Sil. Pero esta zona é un dos principais reclamos do programa de visitas institucionais e de interese provincial denominado “Km0”. Comeza o próximo martes e precisamente na Ribeira Sacra. Con este ambicioso programa, que é unha aposta persoal do Presidente, a Deputación ábrese a todos os veciños desta provincia, para que o Pazo Provincial sexa a súa Casa, para que coñezan en qué está a traballar a Deputación e para que participen nas rutas provinciais que deseñamos para vostedes, moitas delas en Monforte e na súa bisbarra. Levaremos as visitas ás empresas e comercios desta provincia, as adegas, ós restaurantes, os lugares medioambientais máis valiosos… e en Monforte hai moito que coñecer e aproveitar. Para rematar, quero felicitar en nome de José Ramón Gómez Besteiro á Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril polo esforzo e o éxito na organización deste aniversario. O Presidente da Deputación confía no traballo que están a facer, tal e como o demostra o feito de que se concedese a esta organización unha das dúas únicas subvencións que este ano dependían directamente de Presidencia. Sigan vostedes traballando como o están a facer por esta cidade e por manter viva a memoria do ferrocarril.