Deputación de Lugo

Éxito de convocatoria dos cursos do Centro de Artesanía e Deseño con preto de 290 solicitudes en apenas catro días

Os cursos máis demandados son os que permiten crear ou transformar obxectos de xeito orixinal e sinxelo, coma os de xoiería, coiro, patchwork, arranxo de roupa e restauración de mobles, algún dos cales xa contan con máis solicitudes que prazas dispoñiblesSon en total 19 obradoiros, con 163 prazas dispoñibles e 760 horas de formación que se celebrarán nos Concellos de Lugo, Monforte, Xermade, Cervantes e RibadeoO prazo de inscrición comezou o día 25 e rematará cinco antes do comezo de cada curso. Máis información en www.deputacionlugo.org ou no teléfono 982 210 066

Coma vén sendo habitual en todas as convocatorias, son ducias de lucenses os que xa teñen cumprimentada a súa inscrición nalgúns dos múltiples cursos que organiza a Deputación de Lugo no CENTRAD. Así, xa son 287 persoas as que solicitaron participar nalgunha destas accións formativas en apenas catro días dende a apertura do prazo.

Especialmente destacada é a demanda dos cursos de xoiería, coiro, patchwork, arranxo e transformación de roupa e restauración de mobles, é dicir, aqueles que facilitan a aprendizaxe de técnicas sinxelas para dar unha segunda vida a prendas de roupa e mobles usados ou vellos, ou ben aprender a fabricar complementos de moda únicos e persoais. Tal e como subliñou Regina Polín durante a presentación destes cursos o pasado luns, “todos temos obxectos nas nosas casas que aínda poden ofrecer novos e variados usos. En tempos de crise hai que botar man da imaxinación”. Cursos coma “Arranxa ás túas prendas”, “Decora a túa roupa”, “Iniciación ó patchwork”, “Restauración de mobles”, “Técnicas básicas de xoiería” ou “Modela as túas propias xoias”, reúnen máis de 120 das 250 solicitudes realizadas.

19 cursos por toda a provincia

Estes son só algúns dos 19 cursos que forman parte desta primeira oferta de formación en artesanía e deseño que ofrece 760 horas de formación para 163 lucenses, que poderán participar nos obradoiros organizados por toda a xeografía da provincia. Ademais das instalacións lucenses do Centro de Artesanía e Deseño e do Centro de Cestería do Rato, tamén a Aldea Artesáns de A Fraga, en Xermade; as pallozas rehabilitadas do Concello de Cervantes; o Barrio do Casar de Monforte de Lemos e Ribadeo acollerán algunha destas accións formativas. Neste último Concello, finalmente será o Lavadoiro dos Fornos, no casco histórico de Ribadeo o escenario do curso “Cestería de reciclaxe” que comezará no mes de maio.

Máis información

O prazo de solicitude destes cursos comeza hoxe mesmo e rematará cinco días antes da data do comezo de cada obradoiro, tendo preferencia todos aqueles solicitantes que non realizaran estes mesmos cursos nos dous últimos anos, en cuxo caso terán que agardar a que queden prazas vacantes. A matrícula para estes cursos farase online. Para elo, os interesados terán que acceder á páxina www.deputacionlugo.org, na que poderán atopar o modelo de solicitude para formalizar a inscrición, que deberán encher cos seus datos. Unha vez cuberto este formulario de inscrición, a aplicación informará ó interesado se está admitido ou se, pola contra, está en lista de espera. Co fin de que esta programación sexa accesible para todos os interesados, os responsables provinciais fixeron un esforzo para reducir os prezos de matrícula á metade con respecto a anteriores edicións, de xeito que nesta ocasión o prezo resultante de cada hora de formación é de só 0,50 euros.

Cada alumno poderá participar nun único curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición. Os alumnos que cumpran a totalidade de horas do curso ou ben só faltaran, xustificadamente, un 10% da carga horaria do mesmo, poderán obter os correspondentes diploma e certificación de asistencia.

Para obter máis información sobre datas, horarios, prezos de matrícula e inscricións, os interesados poden consultar a páxina web anteriormente citada, chamar ó teléfono 982 210 066 ou ben achegarse ata as instalacións do CENTRAD (Travesía Rúa Chantada, s/n)