Deputación de Lugo

O PLENO DA DEPUTACIÓN APROBOU OS ORZAMENTOS PARA O 2009 NO QUE OS NACIONALISTAS XESTIONARÁN 30,9 MILLÓNS DE EUROS

Imaxe deputación de lugo
Antón Bao amosouse satisfeito coa aprobación do orzamento previsto para o vindeiro exercicio

A cultura, o deporte e o benestar social centrarán boa parte dos esforzos orzamentarios Antón Bao, valorou moi positivamente os orzamentos previstos para o ano 2009, tras a súa aprobación, esta mesma mañá no Pleno. Os nacionalistas xestionarán uns 30.900.000 euros, dos que máis de 15.300.000 euros serán asignados ás Áreas de Cultura, Deporte, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística. A cantidade restante, uns 15.600.000 euros serán administrados pola Vicepresidencia Terceira e destinados ás Áreas de Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo. Unha vez finalizado o Pleno no que se aprobaron estes orzamentos, Antón Bao resaltou que nesta ocasión os presupostos “foron presentados dentro prazo previsto” e que todo o equipo asignado ás Áreas dependentes do BNG na Depuración se porá a traballar “de forma inmediata” para a consecución dos obxectivos marcados e a execución dos orzamentos. Deste xeito, a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, dedicará uns 4.500.000 euros ao ámbito da cultura e uns 6.300.000 euros a deportes. A cantidade restante, preto de 5 millóns de euros, empregarase na elaboración de proxectos de potenciación do uso da lingua galega e na conservación e mellora no patrimonio etnográfico espallado por todas as comarcas lucenses. No caso concreto da área de cultura, o seu labor centrarase en seguir potenciando a creación ou o mantemento das políticas culturais dos concellos e en continuar coa colaboración existente para a ampliación do tecido asociativo cultural existente en todas as comarcas lucenses. O incremento do orzamento destinado a estas partidas, cifrado nun 22%, axudará en boa medida a consecución destes e doutros fins. No eido dos deportes, o obxectivo dos nacionalistas é seguir potenciando a práctica e a consolidación dos chamados deportes de base e mellora das infraestruturas vinculadas a este ámbito existentes en Lugo. Para este último labor, destinarase uns 3.110.000 euros do total do presuposto deseñado e aprobado para a área de deportes. Favorecer o turismo e as actividades xuvenís Pola súa banda, a Vicepresidencia Terceira xestionará uns 15.600.000 euros a través das Áreas de Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo. Unha boa parte deste presuposto, uns 2.090.000 euros contribuirán á implantación do Plan Director e á creación de infraestruturas turísticas nas distintas comarcas lucenses. O equipamento de atención primaria e os festivais musicais contarán cun investimento de 400.000 e 158.000 euros respectivamente. A cantidade restante seralles asignada aos hospitais de San José e San Rafael e, a outros asuntos de importancia que poidan xurdir ao longo do exercicio.