Antón Bao inaugura a exposición Rexistros Abertos que acolle o Museo Provincial de Lugo
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3587_1.jpg)
O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou este venres no Museo Provincial de Lugo, a exposición Rexistros Abertos. A directora do museo, Aurelia Balseiro, os dous comisarios da mostra, Verónica Santos e Rafael Lens, e os artistas que participan nesta exposición, Manolo Paz, Jorge Perianes, Nano 4814, Rubén Ramos Balsa, Iván Prieto e Chelo Matasán acompañaron ao nacionalista no acto de inauguración. Tal e como comentou Antón Bao, esta mostra é o inicio dunha nova etapa no Museo Provincial de Lugo, na que se pretende achegarlle ao público lucense e galego unha escolma e un pequeno retazos dos últimos 25 anos da arte contemporánea galega. Así, a exposición e a súa concepción marcan o inicio dunha nova etapa. Neste novo período, haberá unha nova liña expositiva, marcada pola maior permanencia das mostras nas salas dous meses- e un amplo e variado programa cultural deseñado ao seu redor. Por último, Bao tamén engadiu que de agora en diante primarase a calidade das obras expostas, dándolles aos artistas e ao seu traballo o tratamento e o recoñecemento que se merecen. Rexistros Abertos é un proxecto expositivo deseñado polo Museo Provincial de Lugo no que se pretende amosar unha serie de percepcións sobre o panorama da plástica actual en Galiza a través do creadores e obras que abren camiños de tránsito constante, ligados á arte galega contemporánea. O obxectivo final é o de amosar os diversos rexistros que dan lugar a múltiples interrelacións entre os artistas e as obras representadas. Por iso, hoxe abrimos as portas do museo a 25 artistas, consagrados e novos valores, para converter este espazo nun lugar común que permita dar a coñecer o traballo destes artistas e para poñer en valor o propio Museo Provincial, asegurou Antón Bao.