Deputación de Lugo

Técnicos da Deputación ultiman os informes sobre o estado xeral de TOR

O Presidente do organismo provincial mantén cautela á espera da notificación das distintas administracións que ratificarán a información económica, patrimonial e medioambiental enviada pola Deputación

Os Deputados de Urbanismo e Medio Ambiente comprobaron a situación de abandono na que se atopa o Centro Cinexético e Piscícola de Galicia Gómez Besteiro solicitou unha entrevista co actual Presidente da Xunta co obxectivo de regularizar a situación O Deputado de Urbanismo, Miguel Ángel Sotuela, e o Delegado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, acompañados de técnicos provinciais, fixeron novas comprobacións “in situ” da situación de abandono na que se atopa o Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia e do estado deplorable dos animais existentes e o de putrefacción dos xa falecidos co obxectivo de regularizar esta situación. Os responsables provinciais atopáronse con que xa non había restos dos animais falecidos, unha circunstancia que non pasou desapercibida para Sotuela, quen engadiu que “curiosamente, cada vez que veño aquí hai unha limpeza”. Neste senso, o Deputado de Urbanismo explicou que “debido a esta situación e ás tres alarmas que fixeron que abrísemos unha investigación, desde a Deputación decidimos facernos cargo definitivamente do Centro e mirar de poñerlle arranxo. De todos estes pasos estará totalmente informada a Fiscalía”. O Presidente da Deputación mantén cautela á espera da notificación das distintas administracións (INEM, Tesourería da Seguridade Social, Axencia Tributaria e ó Rexistro da Propiedade) que ratificarán a información económica, patrimonial e medioambiental e poder actuar con todas as garantías legais. O Deputado de Urbanismo subliñou “de forma inmediata imos dar unha solución ós animais, o seguinte serán os accesos á finca que están moi deteriorados e, posteriormente, controlaremos as cortas”. Polo de agora, Gómez Besteiro xa solicitou unha entrevista co actual Presidente da Xunta para poder convocar unha nova reunión do Padroado onde tomen posesión os membros da Consellería de Medio Ambiente que correspondan. Asimesmo, Sotuela avanzou que “a intención da Deputación é colaborar cos Xunta e arranxar de forma inmediata a entrada porque lle afecta ó Pazo, que está sendo visitado por moita xente”. De todas as actuacións levadas a cabo, a Deputación seguirá mantendo informados ós voceiros dos grupos provinciais e enviarase toda a información ó fiscal.