Deputación de Lugo

Antón Bao asiste á clausura do I Congreso Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, acudiu hoxe ao acto de clausura do primeiro congreso Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos. Xornadas de Primavera, que tivo lugar en Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón e Chantada nos dous últimos días. O Entroido Ribeirao e o de Salcedo (A Pobra do Brollón) foron os dous festexos en torno aos que xiraron estas conferencias que pretendían resaltar a importancia e a relevancia do patrimonio inmaterial lucense. A Área de Cultura da Deputación leva máis dun ano e medio traballando neste eido, en prol da conservación do patrimonio inmaterial existente ao longo de todas as comarcas e principalmente no sur de Lugo. Un labor que realiza en colaboración coas asociacións e os concellos da zona. Por iso, dende a área lóase o esforzo dos membros da Asociación de Veciños de Salcedo (A Pobra do Brollón), da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao (Chantada), dos Amigos Patrimonio de Lemos – Asociación Cultural As Fachas (Castelo), da Asociación Xuvenil e Cultural Os Turulecas (A Cervela – O Incio), da Asociación Cultural Souto do Val (A Ermida – Quiroga) e da Asociación de Veciños San Martiño de Viledos (O Saviñao), que traballan día a día pola supervivencia das súas festas e tradicións. Os vindeiros días 31 de agosto e 7 de setembro celébrase a segunda parte deste congreso nos concellos de Monforte de Lemos, A Cervela (O Incio), Castelo (Taboada) e A Ermida (Quiroga) co subtítulo de “Xornadas de Outono”. A organización espera repetir o número de inscritos nas xornadas que, nesta ocasión, superaron as 100 persoas.