Deputación de Lugo

A Área de Deporte da Deputación promove a II Edición do Torneo Basketfoz 09

Antonio Veiga resaltou o labor realizado polo Club Baloncesto Celtas de Foz en prol do deporte de base na Mariña durante os últimos 30 anos

O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este mércores a segunda edición do torneo de categorías de base BasketFoz 09 que terá lugar no pavillón municipal de Marzán, situado en Foz, entre os días 4 e 8 de abril. No acto de presentación tamén estiveron presentes a delegada da Federación Galega de Baloncesto en Lugo, Patricia Rico, o director deportivo da Fundación Balogal, Cristino Menor, a concelleira de cultura de Foz, Rosa Alonso e o presidente da entidade organizadora da competición, José Antonio Sama Díaz, do Club Baloncesto Celtas de Foz. Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou a necesidade de fomentar e impulsar a práctica de calquera disciplina deportiva dende a base. Nesta liña, o delegado da Área de Deporte salientou o labor realizado polo Club Baloncesto Celtas de Foz nos últimos 30 anos en prol do baloncesto na Mariña. Iniciativas coma esta, asegurou Antonio Veiga, facilitan a consolidación desta práctica deportiva na zona, ao tempo que serven como elemento dinamizador e socializador. Nesta segunda edición do campionato BasketFoz 09 establécense novamente dúas categorías, a cadete masculina (anos 93 e 94) e junior masculina (92 e 91). No cadro de competición preséntanse oito equipos por categoría. Dous grupos de catro equipos contra todos e as posteriores fases finais. Deste xeito, cada equipo xogará un mínimo de catro encontros, segundo explicou o presidente do Club Baloncesto Celtas de Foz. Así, os días 4, 5 e 6 de abril disputarán o torneo na categoría cadete o Estudiantes Lugo, o Ferrol Club Baloncesto Transporte Javier, o Club Baloncesto Corpi (Xixón), o Club Baloncesto Viveiro, o Gayolo Ford Santo Domingo Betanzos, o Aluminio Cortizo Cluny (Santiago), o Grupo Covadonga (Xixón) e o Club Baloncesto Primeira Calidade de Foz. Os días 6, 7 e 8 tócaralle a quenda á categoría junior na que participan os seguintes equipos: Cidade de Lugo, Ponte Rasacha (Valladolid), GDB Leça (Portugal), AP Cambre (A Coruña), Caixanova Rosalía (Santiago), Club Baloncesto Corpi (Xixón) e o Club Baloncesto Viveiro. A Área de Deportes da Deputación de Lugo promove esta iniciativa xunto coa Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Baloncesto, a Fundación Deporte Galego e o Concello de Foz.