Deputación de Lugo

Deputación e Xunta presentan cinco vehículos contraincendios para o futuro Consorcio Provincial de Bombeiros

A Consellería de Presidencia achegou un total de 969.000 euros para a adquisición dos camións e a Deputación encargouse da licitación e da tramitación necesaria para a súa posta en funcionamento

Gómez Besteiro sinalou que o 28 deste mes remata o prazo para publicar os Estatutos do futuro Consorcio Provincial que serán aprobados no mes de febreiro polo Consello da Xunta O parque de Lugo prestará o seu servizo fóra da cidade e as administracións provincial e autonómica sufragarán este custe con 200.000 euros anuais O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, presentaron este luns cinco novos vehículos contra incendios e de salvamento para a dotación do futuro Consorcio de Bombeiros da provincia. A Xunta achegou un total de 969.000 euros para a adquisición dos camións, mentres que a Deputación encargouse da licitación e de toda a tramitación necesaria para a súa posta en funcionamento, incluída a xestión das autorizacións necesarias. Gómez Besteiro destacou que “non se pode facer máis en menos tempo. Creo que con esta frase se recolle o traballo realizado durante este ano e medio. Eu salientaría a relación de confianza que mativemos coa Consellería, que vai máis alá da constitución do Consorcio, aínda que están todos os trámites para que nun prazo dun mes e medio se poida firmar. Non quixemos perder tempo, porque xa se perderon moitos anos en épocas anteriores nesta provincia”. Paralelamente, estase a desenvolver o proceso de aprobación dos Estatutos do Consorcio Provincial que quedarán definitivamente aprobados no mes de febreiro polo Consello da Xunta. “Probablemente, nun mes e medio poderemos ter constituído o Consorcio, que será un dos mellores equipados de Galicia e o 28 de decembro remata o prazo para a publicación deste documento xurídico no Boletín Oficial da Provincia. En relación coa Deputación de Lugo o goberno galego cumpriu. Fíxoo en tempo récord e faráo tamén en materia de sanidade coa transferencia dos hospitais ó SERGAS”. Estes vehículos estarán a disposición do futuro Consorcio Provincial de Bombeiros, que ten previsto iniciar o seu funcionamento con cinco parques de bombeiros, nas localidades de Viveiro, Vilalba, Sarria, Chantada e Barreiros. “3 deles coas obras xa iniciadas: Barreiros, Chantada e Sarria. O de Vilalba será licitado nun prazo de 15 días e o de Viveiro a finais de xaneiro. Deste xeito, teremos ó longo de 2009 en funcionamento a rede comprometida coa Deputación de Lugo”, explicou o Conselleiro de Presidencia. Medidas de apoio O Presidente da Deputación e o Conselleiro de Presidencia anunciaron tamén que o parque de bombeiros de Lugo prestará servizos fóra da propia cidade. Deste xeito, a administración autonómica e provincial financiarán con 200.000 euros anuais o custe deste servizo. “Estamos dando pasos rápidos e firmes para que na provincia de Lugo exista un servizo adiantado e moderno, absolutamente territorializado, e que garantirá o maior nivel de resposta ós cidadáns”, engadiu Méndez Romeu. No acto, no que tamén estiveron presentes o Alcalde de Chantada, Manuel Anxo Taboada, o de Sarria, Claudio Garrido, o de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, a Directora Xeral de Protección Civil, Esther Fontán, o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, e o Delegado da Consellería de Presidencia en Lugo, Luis Edrosa, Gómez Besteiro destacou que “se trata dun acordo interesante de cara á zona centro da provincia, vertebrada en torno o parque da cidade”. Asimesmo, subliñou o esforzo que realiza a Deputación, xa que “cando se iniciou a andaina partiamos cun reparto de 50%, 30% e 20%. Agora os Concellos quedan liberados dese 20% que é asumido pola institución provincial. Facemos, entón, un esforzo moi importante co obxectivo de facilitar recursos ós Concellos e ó que se suman outras iniciativas como a do Fondo Extraordinario da Deputación que complementa o Estatal”. Características técnicas Se trata de bombas nodrizas pesadas, cun motor diésel de potencia mínima de 280CV, tracción de 4x2 e cabina abatible cara adiante sinxela e metálica con dúas portas, tres prazas e cristais de seguridade. Os vehículos dispoñen de todos os elementos de iluminación e sinalización que esixen as normas da UE, así como os elementos específicos da instalación contraincendios, tanto luces e faros como sereas. A carrocería conta con dous armarios laterais e un traseiro central. No seu compartimento central aloxarase a bomba contra incendios e a debandoira de primeiro socorro. A cisterna de auga terá unha capacidade mínima de 8.000 litros e deberá estar fabricada en material anticorrosivo e apto para o transporte de auga potable. No seu interior montaranse tabiques diques para evitar movementos inadecuados do líquido no seu interior. A bomba, pola súa banda, deberá ser centrífuga e construída en material anticorrosivo, resistente á auga do mar e cun eixe de aceiro inoxidable. Así mesmo, ten que poder funcionar co vehículo parado e durante os seus desprazamentos. Cada vehículo estará equipado cun terminal de comunicacións móbiles da rede Trunking da Xunta de Galicia, con GPS incorporado para o envío automático de datos por esta rede a unha base remota e conectores e interfaces necesarios para a súa conexión co transceptor. Tamén contarán cun pulsador para conmutar as canles de radio convencionais e permitir así a súa operación noutras redes de radiotelefonía móbil. O futuro Consorcio farase cargo do manexo, mantemento e eventuais reparacións dos vehículos, así como da obriga de tomar ao seu cargo una póliza de seguros que cubra todos os riscos que poidan derivarse da circulación do mesmo, das súas actuacións e dos seus ocupantes.