Deputación de Lugo

A Área de Cultura e Deporte da Deputación dará a máxima publicidade ás axudas para actividades culturais e deportivas

O responsábel da Área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, remarcou que o propósito é que ningunha asociación nin concello quede sen acollerse ás axudas e defendeu os criterios empregados a tal fin

O responsábel da Área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, informou na habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación, da aprobación das bases que rexerán o proceso de concesión das subvencións da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, que se van facer públicas ao longo desta semana no Boletín Oficial da Provincia, logo do que se abrirá un período dun mes para a presentación das solicitudes por parte das asociacións e concellos. Estas axudas contan cunha partida orzamentaria no seu conxunto de 1.965.000 euros. Antonio Veiga anunciou que “paralelamente a esta exposición pública oficial, a Área de Cultura e Deportes vén de editar uns dípticos que serán distribuídos entre todas as asociacións e clubs deportivos de Lugo coa fin de que non se produza ningún tipo de discriminación por falla de información e, deste xeito, poidan acollerse ás axudas todas as entidades e concellos que o desexen”. Tamén aproveitou para contestar ás críticas vertidas aos medios polo portavoz do PP, José González Barcia, nas que se acusaba de discriminación a certos concellos. Antonio Veiga replicou que “nunca antes ser producira un proceso tan transparente e xusto nesta institución á hora de aplicar uns criterios para conceder as subvencións a entidades e concellos”. Veiga lembrou que “as bases que agora critica o señor Barcia foron aprobadas xa no ano pasado por unha comisión de valoración coa representación dos grupos políticos, da que o mesmo Barcia formaba parte e votou a favor destas bases”, e que fora constituída dese xeito por vontade dos nacionalistas. Polo tanto, remarcou Veiga, “non se pode admitir que desde o PP falen de política caciquil cando eran eles eran os que outorgaban as subvencións sen ningún criterio nin a aprobación dos demais partidos”. O responsábel da Área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, informou de que as partidas orzamentarias destinadas á mellora das instalacións culturais e deportivas dos concellos estarían fixadas en 300.000, cunha liña específica referida aos danos ocasionados polo ciclón Klaus. Deste xeito contesta á polémica suscitada por González Barcia en días pasados, na que aseguraba que esa liña específica “finalmente non se habilitara”. Antonio Veiga tamén quixo puntualizar que “aínda se estaban a recoller as estimacións dos danos causados polo temporal que enviaban os concellos, polo que esa cantidade de 300.000 euros pode verse ampliada nun futuro de estimarse necesario para dar cumprimento das demandas dos concellos”. Completarían as axudas destinadas aos concellos unha liña de axudas para a promoción do deporte, outra para a realización de actividades culturais e unha, de nova creación, para apoiar os eventos culturais de carácter puntual. En conxunto, a Área de Cultura e Deporte da Deputación destinará un total de 525.000 euros ao apoio cultural e deportivo dos concellos, incrementando deste xeito en case 100.000 euros a cantidade para o mesmo concepto aprobada o ano pasado, que non superara os 435.000 euros. Doutra banda, as axudas destinadas ao tecido asociativo presentarán tres liñas no tocante ás entidades deportivas, segundo se trate de actividades competitivas (práctica deportiva federada), actividades deportivas sen federar ou a organización de eventos deportivos puntuais. As axudas para a práctica deportiva a entidades sufriron un incremento notábel, de 100.000 euros, con respecto ao ano pasado para acadar este ano os 750.000 euros. No apartado cultural existen dúas liñas de axudas diferenciadas, ás que se poden acoller as asociación, segundo se trate da realización de actividades culturais continuadas, é dicir, ao traballo anual da asociación, ou ben un evento cultural puntual. Para este apartado, a asignación orzamentaria acada os 690.000 euros. En total, as axudas destinadas a fomentar a práctica deportiva e a dinamización cultural entre as asociacións lucenses sumarán un total de 1.965.000 euros este ano, unha cifra superior en case 400.000 euros á aprobada o ano pasado.