Deputación de Lugo

Directores nominados ós premios Mestre Mateo participarán nunha mesa redonda na Deputación

Imaxe deputación de lugo
A Fundación TIC, dependente do organismo provincial, colabora nunha nova edición dos “Encontros Mestre Mateo”.

A mesa redonda, aberta ó público, terá lugar este venres, ás12:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Ángel de la Cruz e Alfonso Zarauza, guionistas e directores nominados na categoría de “Mellor longametraxe de ficción” nos Premios Mestre Mateo 2009, participarán nunha mesa redonda para debatir sobre o audiovisual galego e compartir as súas impresións cos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo e todas as persoas que así o desexen. Anualmente, dentro do marco dos Premios Mestre Mateo, a Academia Galega do Audiovisual organiza unhas xornadas de debate profesional sobre do estado do sector en Galicia. Este ano, as xornadas adiántanse a poucos días antes da celebración da Gala de Entrega de Premios Mestre Mateo 2009, que terá lugar o xoves 30 de abril no Pazo de Cultura de Pontevedra. Diferentes profesionais nominados a este galardón participarán nestes encontros que se celebran durante esta semana en distintas escolas, facultades e centros de ensino de Galicia. Dentro deste programa, a Fundacion TIC acolle a visita de Alfonso Zarauza e Ángel de la Cruz, nominados polos seus films: “A noite que deixou de chover” e “Os mortos van á presa”, respectivamente. A propia Deputación co-patrocinou a través da Fundación TIC o filme de Ángel de la Cruz, que acaba de gañar tamén o premio Manoel de Oliveira ó mellor realizador. O acto, que será público, terá lugar este venres 24 de abril, ás 12:00 horas no Salón de Actos da Deputación e estará presidido polo Presidente da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro.