Deputación de Lugo

A Área de Deporte da Deputación colabora no VI Rallye Cidade de Lugo no que compiten automóbiles antigos e clásicos

Antonio Veiga salientou que esta iniciativa servirá para potenciar e promover de forma conxunta o deporte e o turismo lucense

O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este xoves a VI edición do Rallye Cidade de Lugo que organiza a Asociación Lucense de Automóbiles Antigos e Clásicos e que se desenvolverá en varias zonas da alta montaña de Lugo o vindeiro sábado 25 de abril. No acto de presentación tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, o responsable de seguridade viaria do rallye, Carlos Somoza López, e outros integrantes da sociedade organizadora. Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou que a posta en marcha de iniciativas coma esta serven para potenciar e promover de forma conxunta o deporte e o turismo lucense. Así, este rallye contribuirá en boa medida a “pór en valor” non só o Concello de Lugo, senón outras localidades polas que transcorreá o campionato, asegurou. Nesta liña, o delegado da Área de Deportes da Deputación de Lugo lembrou que esta institución está “aberta” e disposta a colaborar neste tipo de proxectos xunto co resto das administracións do conxunto do país. Segundo informou a organización do evento, o número total de pilotos e vehículos inscritos, respectivamente, nesta última edición do Rallye Cidade de Lugo ascende a 40. Este proxecto conta coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo, a Concellería de Deportes do Concello de Lugo, Lugauto S.A. e Almacenes Méndez S.L. Ademais tamén cooperan nesta iniciativa e realización do campionato os concellos da Pontenova, Baralla, Castroverde e Meira, localidades nas que se disputará algunha das fases do rallye. Tal e como comentou o responsable da seguridade viaria do rally e o seu portavoz, Carlos Somoza López, esta competición é unha proba turística destinada exclusivamente a vehículos clásicos. Ademais, o torneo, que se enmarca dentro do campionato Clásica Galicia 2009, contará cun percorrido aproximado duns 310 km divididos en dúas seccións –mañá e tarde- que transcorrerán por “tramos míticos das zonas da montaña de Lugo”. A saída do primeiro dos vehículos está prevista para as 10:00 horas da Praza Maior de Lugo. Os participantes reagruparanse ás 13:45 horas en Meira e ás 16:00 horas está prevista a saída da segunda sección coa chegada á Cidade das Murallas ás 19:45 horas.