Deputación de Lugo

Todos os grupos políticos formarán parte por primeira vez da Comisión de Avalición que outorga as subvencións da Deputación

O Pleno aprobou o novo Plan Estratéxico de subvencións marcado polo rigor e a transparencia

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes o Plan Estratéxico de Subvencións para 2008. Unha das novidades máis destacadas é que todos os grupos presentes na Corporación formarán parte da Comisión de Avaliación que outorgará estas subvencións co que se garante unha maior transparencia, segundo sinalou na súa intervención a Deputada da Área de Economía, Regina Polín. O Plan establece ademais uns baremos de reparto obxectivos e uns mecanismos de control para o seu seguimento. Por outra banda, Regina Polín destacou o seu carácter anual, fronte o anterior, que era por tres anos, o que fai o actual moito máis áxil e eficaz. Este Plan conta cun orzamento de 10.956.304 euros e establece, por primeira vez, as liñas nas que se van outorgar as subvencións, facéndoas coincidir coas áreas de goberno ás que se lle deu prioridade nesta materia: Presidencia, Cooperación cos Concellos, Cultura-Deporte e Benestar Social. Dentro de cada área establécense os distintos tipos de subvencións, coa finalidade que se persegue en cada unha delas, concretándose os obxectivos e determinando, con toda claridade, o procedemento de subvención, co que aumenta a transparencia. Neste senso, Regina Polín sinalou que o anterior plan tan só se plantexaba desde un punto de vista presupostario con explicacións das cantidades e das partidas con cargo as cales se ían dar estas subvencións. Concurrencia competitiva O 71,22% das subvencións contempladas non serán nominativas, senón de concurrencia competitiva, o que permitirá que todos os interesados poidan optar a estas axudas, que serán concedidas en función duns baremos obxectivos. No caso das subvencións que correspoden a Presidencia e Asistencia cos Concellos tan só serán nominativas o 0,38% do total. Durante o primeiro trimestre de 2009 emitirase un informe da área competencial de cada liña sobre o grao de execución do plan desde a perspectiva económico-financieira así como sobre os obxectivos acadados e as principais incidencias detectadas, cunha avaliación provisional na que se inclúa o número de subvencións concedidas, beneficiarios, procedemento de concesión etc., que poderán ser tidos en conta para a elaboración do seguinte Plan. A Deputada de Economía tamén destacou que coa aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións no Pleno de hoxe, o equipo de goberno cumpre coa palabra dada na sesión plenaria de maio, xa que no debate do Presuposto da Deputación para 2008 os responsables provinciais comprometéronse a presentar o devandito Plan no seguinte Pleno. Informe para A-45 Palas-Arzúa O Pleno da Deputación tamén deu o visto e prace ó informe favorable dos servizos de Vías e Obras e Urbanismo sobre os trazados propostos polo Ministerio de Fomento para o paso da A-54, autovía Lugo-Santiago, entre os enlaces de Palas de Rei e Arzúa. A área de estudo sitúase nos municipios de Palas de Rei, Antas de Ulla, Arzúa, Melide, Santiso e Agolada pertencentes ás provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. O documento do Ministerio contempla dous trazados alternativos ó plantexado en 2003. O departamento que dirixe Magdalena Álvarez iniciou, entre as administracións e colectivos afectados pola estrada, un periodo de consultas previo ó procedemento de avaliación de impacto ambiental, e remitiulles un documento cos tres trazados alternativos para que se pronuncien sobre o mesmo. Tanto o servizo de Vías e Obras como o de Urbanismo da Deputación de Lugo consideran que o documento inicial remitido para consultas contempla con suficiente amplitude e nivel de detalle os aspectos relativos ó medio territorial, en canto a planeamento e infraestruturas, así como ós relativos ó planeamento urbanístico e patrimonio cultural.