Deputación de Lugo

Alumnos do colexio Cervantes de Lugo verán por primeira vez o mar grazas a Km0

Imaxe deputación de lugo

A Mariña é a protagonista esta semana no programa de visita medioambientais que promove a Deputación

A Mariña é esta semana a protagonista absoluta do programa de visitas medioambientais Km0 que promove a Deputación dentro do proxecto europeo Lug02. As lonxas de Burela e Celeiro, as praias de Covas e Arealonga, o porto do Vicedo e o mirador de Estaca de Bares son algunhas das paradas nas tres rutas elexidas nesta ocasión. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo de 55 alumnos e profesores do CEIP Cervantes do Concello de Lugo. Tres destes nenos, con idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos, verán o mar por primeira vez grazas a esta inicitiva. O Presidente sinalou que “só por conseguir que un neno de Lugo coñeza o mar xa pagou a pena todo investimento feito en Km0”. Trala recepción na Deputación, o grupo coñeceu o conxunto etnográfico do Mazo de Santa Comba. A continuación, desprazáronse a Burela onde esta tarde visitarán a lonxa do porto desta localidade mariñana e o Barco Museo Reina del Carmen. Maña mércores, Km0 viaxará a Viveiro. 55 membros do Club Cultural Valle Inclán de Lugo visitarán antes a Ínsua de Burneiro e a Casa Grande da Fervenza. Xa na Mariña, coñecerán a lonxa de Celeiro, pasearán pola praia de Cobas e subirán ó Monte de San Roque. Por último, o 2 de abril un grupo organizado polos servizos sociais de Becerreá desprazarase ata O Vicedo, logo de visitar o Mazo de Santa Comba. Cruzarán a ponte de ferro, visitarán o mirador de Estaca de Bares e coñecerán o porto do Vicedo.