Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca a importancia que teñen o emprego e a formación na xestión da Deputación

O Presidente e a Vicepresidenta Segunda entregaron os diplomas ás participantes no obradoiro de emprego Servizos á Comunidade II posto en marcha pola administración provincial e a Consellería de Traballo

As 35 beneficiarias desta iniciativa recibiron formación e experiencia práctica na especialidade de auxiliar de axuda no fogar O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, entregaron este martes os diplomas ás 35 participantes no obradoiro de emprego Servizos á Comunidade II que puxo en marcha o organismo provincial e a Consellería de Traballo. Gómez Besteiro destacou que “é un motivo de grande satisfacción entregarvos os diplomas que acreditan a vosa participación, pero sobre todo, saber que xa sodes profesionais especializadas no coidado de persoas dependentes, unha tarefa cada vez máis necesaria e máis demandada, xa que Lugo é unha provincia avellentada e, por tanto, unha profesión con grande futuro. A formación e o emprego constitúen unha das principais preocupacións da Deputación”. Na iniciativa, impartida polo INLUDES e financiada integramente pola Xunta de Galicia con 686.624 euros, o 100% das participantes foron mulleres. As 35 beneficiarias recibiron formación e experiencia práctica na especialidade de auxiliar de axuda no fogar. Realizaron prácticas no Centro Residencial de San Roque, na Residencia de Minusválidos San Vicente de Paul e na Residencia das Gándaras. “En definitiva, o que queremos é que a vosa incorporación ó mundo laboral sexa o máis efectiva posible”, engadiu Besteiro. O obradoiro de emprego “Servizos á comunidade II”, é o primeiro que impulsa o INLUDES desde que o dirixe Lara Méndez. O obxectivo desta actividade é especializar ás participantes no coidado e atención ás persoas maiores e discapacitados, facilitándolles así a súa inserción laboral nun dos filóns de emprego. Ademais, perséguese incrementar o número de persoas perfectamente cualificadas para o coidado de persoas dependentes. A Vicepresidenta Segunda subliñou que “esta é a liña que queremos seguir desde o INLUDES: poñer a disposición das persoas que teñen máis difícil atopar un emprego accións formativas que lles permitan acceder a nichos de mercados cada vez máis demandados”. Ademais, o obradoiro incluíu formación complementaria de animación sociocultural, auxiliar de enfermería- con especialidade nas patoloxías de Alzheimer e Parkinson-, orientación laboral e empresarial, manipulación de alimentos, alfabetización informática, políticas de igualdade, prevención de riscos laborais e sensibilización ambiental. As beneficiarias cobraron 900 euros ó mes, o que representa o 150% do salario mínimo. Gómez Besteiro tamén lembrou que continúa a Escola Obradoiro de Servizos á Comunidade que a Deputación está a levar a cabo coa Consellería de Traballo desde o 30 de decembro de 2008 ata o 29 de xuño de 2010. Está destinada a desempregados menores de 25 anos e inclúe formación sobre contidos relacionados coa atención sociosanitaria a persoas no fogar. Asimesmo, desde o mes de febreiro as dúas administracións camiñan da man para a posta en marcha do proxecto Pacto Provincial polo Emprego, que conta co respaldo da Unión Europea. Con este Pacto Territorial de Emprego, Xunta e Deputación planifican políticas laborais para dar cobertura a 89.452 traballadores e uns 19.358 desempregados de toda a provincia, especialmente mozos, desempregados, persoas maiores de 45 anos ou parados de longa duración.