Deputación de Lugo

A Mariña, protagonista esta semana das visitas do programa Km0

A ría de Viveiro, a lonxa de Celeiro, o Pozo da Onza e o Castro de Fazouro son algúns dos lugares que se visitarán o mércores e o xoves

A Mariña lucense é o destino de dúas das tres rutas desta semana do programa de visitas institucionais de carácter medioambiental e comercial “Km0” que promove a Deputación de Lugo. As rutas do mércores e o xoves inclúen unha excursión en barco pola ría de Viveiro, unha visita á lonxa de Celeiro, unha ruta de sendeirismo ata a fervenza do Pozo da Onza en Alfoz e unha visita ó Castro de Fazouro. Este martes, A Ribeira Sacra volveu ser o destino elexido, neste caso, por un grupo de 36 persoas pertencentes á asociación Virxe de Soamede, de Vilalba. Tras visitar o Pazo de San Marcos, desprazáronse ata a illa de Burneiros e á Casa Grande da Fervenza. Xa pola tarde, a ruta inclúe visitas a Rosende, ós Muíños de Xábrega en Arxemil e ós Peares, onde farán un percorrido en catamarán. Ría de Viveiro e Castro de Fazouro A visita de mañá será á ría de Viveiro. Nela participará un grupo da asociación Espalladoira, de Castroverde, que antes de desprazarse ata A Mariña coñecerán o traballo que está a desenvolver o Centro de Artesanía e Deseño. A ruta inclúe unha excursión pola ría de Viviero no iate Garoa e unha vista á lonxa de Celeiro. A continuación, os participantes subirán ó Alto de San Roque, onde se lles dará información sobre a cidade de Viveiro. Polo que se refire ó xoves, os particpantes serán os membros da Asociación Camiña con Nós, de Friol. Dos Centros dependentes da Deputación, este grupo friolense elexiu a Granxa Gayoso Castro, onde un veterinario lles explicará o funcionamento e a finalidade destas instalacións. Despois, irán á Seara, en Alfoz, e farán unha ruta de sendeirismo ata a fervenza do Pozo da Onza, na parroquia de Budián. Tamén visitarán Cangas de Foz, as praias das Polas e Xuncos e o Castro de Fazouro.