Deputación de Lugo

O Círculo das Artes de Lugo acolle a exposición Unha vida en chamas ata o día 21

Esta mostra, do artista lucense Blas Lourés, foi inaugurada por Antón Bao que estivo acompañado de outras autoridades

O presidente en funcións da Deputación, Antón Bao, inaugurou esta tarde a exposición que recolle parte da obra do pintor lucense Xesús Blas Lourés. Esta exposición permanecerá aberta, dende o 9 ata o 21 de setembro no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo. Na inauguración da mostra estiveron presentes, ademais do autor das obras, o presidente do Círculo das Artes, Xesús López-Domínguez López, e outras autoridades e persoeiros da vida pública lucense. Esta mostra organizada polo Círculo das Artes e pola Área de Cultura da Deputación de Lugo que leva por título Unha Vida en Chamas fai un percorrido completo pola vida deste importante pintor e debuxante lugués. Xesús Blas Lourés naceu en Lugo en 1926 e pertence a unha xeración que, tanto en Galiza como no Estado, estivo marcada e condicionada pola Guerra Civil. A xeración que aparece ao fío da Guerra, é heteroxénea, dispersa de criterios e tendencias, pero poden verse dúas tendencias, á da vaga referencia autóctona e á informalista. Blas Lourés ten unha traxectoria persoal similar a de tódolos seus coetáneos: escolas de artes e oficios, formalismos de escolas superiores e achegamento a experiencias que noutros lugares están superadas pero que aquí aínda non chegaron. Blas Lourés non é alleo a todo este movemento, estudou na Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid. Exerceu como mestre de pintura no colexio Sagrado Corazón e no Círculo das Artes de Lugo, que hoxe acolle esta obra. Blas Lourés é un artista, pero tamén é un mestre de artistas; non hai que esquecer que a súa faceta de mestre foi unha das máis importantes ao longo da súa vida axudando a crear os artistas do futuro. Estamos perante un pintor netamente galego, que reflectiu na súa obra a Galiza como país, ás súas xentes e sobre todo á xente do mundo rural. Blas Lourés estivo fondamente vencellado a escritores da súa xeración como Uxío Novoneyra ou Manuel María, non só por unha similitude xeracional senón pola defensa dos valores e da idiosincrasia do noso país. A relación de Blas Lourés coa Deputación de Lugo vén de lonxe, aló polo ano 1949/50 cando para ir Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, foi bolseiro da institución provincial. A súa relación co ente provincial continúa no Museo provincial dependente da Área de Cultura onde se atopan varios cadros pintados por Blas Lourés como son: No trato, As belas da noite ou No café, obras que aparecen recollidas nesta exposición. UN LIBRO QUE REVELA A OBRA E A PERSOALIDADE DE BLAS LOURÉS Para saldar a débeda que as institucións lugueses mantiñan co pintor lucense a Área de Cultura da Deputación asumiu o compromiso de poñer en valor e de axudar a render esta homenaxe a Xesús Blas Lourés. Para materializar a posta en valor de Blás Lourés o Círculo da Artes e a Área de Cultura da Deputación de Lugo veñen de editar un libro no que se mostra toda a carreira pictórica do artista á vez que se realiza un completo percorrido pola súa biografía. Esta publicación prologada, entre outros, polo vicepresidente primeiro da Deputación recolle, ademais dunha extensa entrevista co artista, algúns textos referidos á figura de Blas Lourés de outros artistas e escritores como: Manuel María, Anxel Fole, Uxio Novoneira ou Dario Xohán Cabana. O libro recolle un considerable número de reproduccións de obras de Xesús Blas Lourés.