Deputación de Lugo

Máis de 30 escolares de Infantil de Lugo coñecen a Reserva Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
Os estudantes do CEIP Casás participaron en visitas guiadas nas que comprobaron a riqueza mediambiental da zona

Estudantes de Infantil do CEIP Casás de Lugo coñeceron este luns a Reserva da Biosfera Terras do Miño, así como o Centro de Interpretación do río Rato. En total, 32 alumnos do centro educativo lugués, participaron nunha visita guiada, na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosaron ós participantes a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Os días 19 e 27 dese mesmo mes, preto de 50 escolares deste mesmo colexio, de 6 a 9 anos, coñecerán o Centro de Interpretación do río Rato, incluído neste espazo natural. Con estas visitas, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera en 2002. Os escolares tiveron a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.