Deputación de Lugo

Os Ancares, destino das visitas do programa “Km0” desta semana

Veciños da Terra Chá coñecerán as pallozas do Piornedo e a aldea de Castelo de Donís, en Cervantes

Os Ancares é o destino de dúas das tres rutas previstas na terceira semana do programa de visitas institucionais “Km0”, mentres que a outra será, de novo, á Ribeira Sacra. Ata a montaña luguesa desprazaranse hoxe e mañá dous grupos da Terra Chá que visitarán as pallozas do Piornedo e a aldea de Castelo de Donís, en Cervantes. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a 36 membros da asociación Fonte Castro do Concello de Vilalba. Destacou que esta “é a primeira ruta á zona da montaña incluída no Km0, neste caso para visitar as nosas pallozas, outra das riquezas que temos en Lugo”. Lara Méndez dixo que se está a demostrar que esta iniciativa “é produtiva e boa, xa que hai un grande descoñecemento dentro da propia provincia, duns Concellos a outros, aínda que en quilómetros non haxa moita distancia. Co Km0 resaltamos e poñemos en valor toda a riqueza patrimonial e paisaxística que temos na nosa provincia”. As pallozas do Piornedo Trala recepción no Pazo provincial, os participantes coñeceron o traballo que se está a realizar no Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación provincial. A continuación, viaxaron ata a aldea do Piornedo, en Cervantes, declarada Paraxe Pintoresco e Conxunto Histórico Artístico, onde visitaron unha das pallozas museo. O outro núcleo incluído na ruta é Castelo de Donís que, ó igual que O Piornedo, está ubicada en pleno Parque Natural dos Ancares. Mañá mércores, outro grupo da mesma asociación da Terra Chá realizará esta ruta. Ribeira Sacra Polo que se refiere ó xoves, a visita será á Ribeira Sacra. Neste caso, un grupo da asociación de veciños de Tirimol, do Concello de Lugo, elexiu como visita complementaria o Mazo de Santa Comba. A ruta incluirá unha degustación de viño de Amandi nunha adega de Algueira, en Sober. Desde alí os participantes farán unha ruta a pé ata A Pena do Castelo, e farán unha ruta en catamarán desde a Ponte do Sil. Ata o de agora, a Ribeira Sacra é o destino máis solicitado dentro de “Km0”, seguido da Mariña. Das seis rutas programadas para as dúas primeiras semanas do programa, catro foron a esta zona do sur da provincia e as outras dúas á costa luguesa.