Deputación de Lugo

Área de Cultura e Deporte da Deputación destinará 1.965.000 de euros ás axudas para actividades culturais e deportivas

A convocatoria deste ano, presentada polo Vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, introduce ademais novas liñas de axudas específicas para actividades culturais dos concellos e para axudar a sufragar os danos causados polo ciclón Klaus

O Vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, informou na habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación, da aprobación das bases que rexerán o proceso de concesión das subvencións da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo e que no seu conxunto acadan un importe próximo aos 2 millóns de euros (1.965.000 €), incrementándose nun 20% con respecto ao ano anterior. Antón Bao fixo fincapé no “traballo decidido de apoio aos concellos que o novo goberno da Deputación está a desenvolver, o que levou a incluír este ano unha partida orzamentaria de 125.000 euros destinada a subvencións para actividades e eventos culturais realizados polos concellos”. Segundo o Vicepresidente, esta vontade de axuda aos concellos responde a que “a Deputación non está sendo allea aos momentos de dificultade que os concellos están a ter no tocante ao seu financiamento”. Neste camiño tamén se aprobou conceder axudas destinadas ao arranxo dos danos causados polo ciclón Klaus nas instalacións deportivas e tamén nas infraestruturas culturais que son propiedade dos concellos. Liñas de axudas Deste xeito, as liñas de axudas destinadas aos concellos serán catro, cun total de 525.000 euros para tal fin, agrupadas segundo a súa aplicación: Unha liña de axudas destinada a sufragar actividades e eventos culturais, cunha asignación de 125.000 euros. Outra partida referida a introducir melloras nos equipamentos culturais, dotada de 125.000 euros. Para a promoción do deporte asignáronse 100.000 euros e para as melloras de instalacións e equipamentos deportivos destináronse un total de 175.000 euros. Doutra banda, as entidades e asociacións deportivas poderán acollerse a tres liñas de axudas: unha para actividade competitiva (gastos de tempada ou participación en competicións federadas), outra para a organización de eventos deportivos e, por último, unha encamiñada a sufragar os gastos de organización de actividades deportivas (gastos de material, persoal, etc). Estas axudas deportivas a entidades teñen un orzamento de 750.000 euros no seu conxunto. As asociacións culturais, pola súa parte, poderán resultar beneficiarias de dous tipos de axudas diferentes, segundo a súa natureza. Unha está referida á organización de eventos culturais puntuais e outra á realización de actividades culturais. A carga orzamentaria designada para estas axudas culturais a asociacións contempla 690.000 euros para tal fin. Un baremo claro Ademais das novidades introducidas nas liñas das axudas e do seu incremento en termos económicos, Bao tamén remarcou que “en todas as liñas se estabeleceu un baremo claro, definido e rigoroso para aplicar á concesión das axudas”, de xeito que garanta a igualdade na aplicación dos criterios para conceder a axuda económica. É significativo que, antes da súa aprobación definitiva, as concesións serán avaliadas tal como estabelecen as bases por unha comisión de valoración con representación dos tres grupos políticos con presenza na Deputación de Lugo. Antón Bao rematou indicando que as bases sairán publicadas no BOP logo da Semana Santa e que haberá un prazo dun mes contado ao día seguinte da súa publicación para realizar as solicitudes quen queira acollerse ás axudas. Este ano, igual que o anterior, procurarase darlle a maior difusión e publicidade á convocatoria para que ningunha asociación ou entidade deixe de solicitar as axudas por falla de información. Na convocatoria anterior, a totalidade das axudas solicitadas foron atendidas e apoiadas por parte da Área de Cultura e Deporte da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Piscinas do Concello de Castroverde e acordos acadados Na mesma rolda de prensa, o Vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, tamén deu conta doutros acordos acadados. Así, foi presentado un incremento da contía da subvención concedida para a construción das piscinas públicas descubertas na área recreativa “Veiga do Olmo”, no Concello de Castroverde. Grazas a este acordo adoptado polo novo goberno da Deputación, subsánase o erro de xestión do goberno anterior do Partido Popular que mantiña esquecido a realización dunha infraestrutura de ocio tan importante como esta área recreativa. Co incremento de 169.044,35 euros para o novo convenio poderá por fin poñerse en marcha a construción das piscinas públicas descubertas en Castroverde. Doutra banda, tamén se aprobou a prórroga para o ano 2009 do convenio entre a Deputación de Lugo, IMSERSO e FEMP para desenvolver o programa de teleasistencia domiciliaria, que na actualidade conta con máis de 2.500 usuarios e usuarias. A sinatura deste convenio aprobouse por un importe de 276.145,18 euros. Fíxose pública, así mesmo, a adxudicación provisional do servizo de deseño e implantación dunha base de datos para a provincia de Lugo con destino ás oficinas de información turística, por un importe de 27.150,00 euros.