Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha o programa europeo LugO2 que destina 5 millóns de euros ó medioambiente

A Deputación pon en marcha o programa europeo LugO2 que destina 5 millóns de euros ó medioambiente

O organismo provincial aproba 65.000 euros para adquisición de sal con destino ás estradas provinciais A Deputación pon en marcha o proxecto europeo LugO2 coa aprobación na Xunta de Goberno deste venres da contración da oficina técnica que coordinará a súa xestión. O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, subliñou que “o LugO2 é unha ambiciosa iniciativa que ten por obxectivo a posta en valor dos recursos medioambientais, sociais e económicos dos Concellos incluídos nos espazos naturais protexidos, favorecendo a sensibilizacion da poboación coa finalidade de garantir a sostibilidade destes territorios”. Gato Soengas subliñou a importante cantidade que se destina ó medio ambiente da nosa provincia, xa que “son 5 millóns de euros para xestionar no 55% do noso territorio”. “No mes de setembro, é decir, hai menos dun mes, a Deputación recibiu a confirmación oficial por parte do Ministerio de Administracións Públicas da concesión deste proxecto europeo, e xa o estamos poñendo a andar”, dixo o voceiro do PSOE. O prego para esta contratación da oficina técnica prevé un prezo máximo de 105.000 euros. Sal para as estradas provinciais A Xunta de Goberno tamén acordou destinar 65.000 euros para a adquisición de sal, que se empregará nas estradas provinciais durante as xeadas e as nevadas. Antonio Gato dixo que “é necesario facer provisión para o inverno, co obxectivo de asegurar a integridade dos cidadáns e a accesibilidade das vías de titularidade provincial”. O voceiro provincial afirmou que “se arranca da primeira experiencia do ano pasado, que foi moi satisfctoria, e na que se botaron arredor de 800 toneladas de sal nas estradas da Deputación”. Sede do IBADER Outro dos acordos adoptados foi a incorporación dunha addenda, por 68.250 euros, ó convenio de colaboración entre a Deputación, a Universidade de Santiago de Compostela e as Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural para a realización dos traballos de acondicionamento do edificio “A Granxa” -que é propiedade da Deputación- para que sexa a sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). O IBADER ten por obxectivo o desenvolvmento de investigación científica e técnica no campo da biodiversidade, os sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal e o desenvolvemento rural. Na actualidade está situado provisionalmente en locais pertencentes á Facultade de Veterinaria. Ademais de colaborar economicamente no acondcionamento da nova sede, a cederá á USC de xeito gratuíto o seu uso de “A Granxa” que está ubicada entre a Facultade de Administración e Dirección de Empresas e o Hospital Clínico Rof Codina. Outros acordos Ademais, o órgano de goberno provincial adxudicou definitivamente a adquisición dun novo vehículo para o Parque Móbil provincial e acordou comparecer en 6 recursos contencioso-administrativos. Catro deles son relativos a reclamacións patrimonias por accidentes en estradas provinciais. Dous refírense ós danos ocasionados polo atropelo de corzos que invadiron a estrada, outro pola presenza de substancias deslizantes na calzada e o cuarto pola suposta mala sinalización da vía. Os outros dous son relativos a temas de persoal e expropiacións.