Deputación de Lugo

A ÁREA DE DEPORTES DA DEPUTACIÓN CONVOCARÁ
BOLSAS DIRIXIDAS A DEPORTISTAS

As bolsas terán por finalidade apoiar a práctica do deporte e posibilitar a participación en eventos deportivos

A xunta de goberno da Deputación aprobou a proposta da Área de Cultura e Deportes de convocar bolsas dirixidas a deportistas individuais. O Responsable da Área de Cultura e Deportes, Antonio Veiga, presentou a convocatoria destas bolsas na habitual rolda de prensa que se celebra os venres no Pazo de San Marcos. Segundo informou Antonio Veiga estas bolsas irán destinadas a Deportistas individuais con potencialidades para acadar resultados importantes dentro da súa disciplina deportiva e que en moitas ocasións non dispoñen dos medios necesarios para poder asistir ás competicións e dotarse da equipación necesaria para competir ao nivel axeitado. Segundo Antonio Veiga “está no noso ánimo apoiar a todas aquelas persoas que practican disciplinas deportivas nas que se compite de xeito individual e que en moitos casos, a pesares de estar na alta competición, non perciben as axudas necesarias para poder manter a súa actividade deportiva ao nivel necesario para acadar os resultados que se corresponden ao seu nivel competitivo”. As bolsas que se convocarán reguladas polas bases aprobadas na xunta de goberno concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. As bolsas terán como obxecto o de apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfecionamento técnico e a obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas, como posibilitar a súa participación en eventos deportivos, facilitándolles aos deportistas da provincia o acceso a unha preparación integral axeitada. Para a convocatoria destas prazas establécense tres grupos de beneficiarios, segundo a idade dos aspirantes ás bolsas: Grupo A.- de 14 a 16 anos; Grupo B.- de 17 a 18 anos; Grupo C.- maiores de 18 anos. Para este programa de bolsas está previsto un orzamento, con cargo ao ano 2008, de 50.000 euros e o importe máximo de cada unha das bolsas será de 2.000 euros por deportista. A concesión das bolsas virá determinada por unha Comisión de Valoración Técnica que terá en conta uns criterios de valoración baseados no proxecto deportivo, nos meritos e no historial deportivo do solicitante. Antonio Veiga tamén destacou que se terá en conta, no baremo establecido, o lugar de residencia do deportista para que non exista discriminación nin agravios comparativos entre aqueles que vivan nas vilas e cidades e os que residen no medio rural.