Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibe ós 130 participantes do Congreso Internacional de Estudantes de Veterinaria

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación recibe ós 130 participantes do Congreso Internacional de Estudantes de Veterinaria

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu ás oito desta tarde no salón de actos da institución ós 130 participantes no Congreso Internacional da Asociación de Estudantes de Veterinaria que se está a celebrar en España desde o 16 ó 27 de xullo. O Presidente subliñou a importancia desta materia nunha provincia como a lucense, que ten unha Facultade de Veterinaria de gran prestixio e recoñecemento en Europa. O Presidente deu a benvida ós alumnos e veterinarios e invitounos a seguir coñecendo a nosa provincia, caracterizada por ter un perfil claramente gandeiro e agroalimentario. Precisamente o pasado domingo os estudantes estiveron na Granxa Gaioso Castro, que pertence á Deputación de Lugo, para coñecer persoalmente o traballo que está a desenvolver. José Ramón Gómez Besteiro explicou ós alumnos, chegados de diferentes partes do mundo, que a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo é un centro único en Galicia que goza de gran sona a pesar de cumprir só 20 anos de historia fronte ós máis de cinco séculos da Universidade de Santiago. O Congreso internacional celébrase en Madrid, Barcelona, León e Lugo. A finalidade é intercambiar experiencias, así como novas técnicas do sector. No remate do acto, os participantes recibiron un agasallo institucional da Deputación e foron convidados a un refrixerio.